A Festa do Pulpo, que se fai cada ano que pasa máis urbanita, volve abarrotar O Carballiño. O concello apunta a "un novo record de público" nesta 57 edición.

11, Agosto 2019

Os comedores e terrazas dos restaurantes da hostelería local cheos e as rúas do Carballiño convertidas en comedores ao aire libre, a festa do pulpo séguese facendo cada ano que pasa un pouco máis urbanita, ésta é a tendencia dos últimos anos e que volveu poñerse de manifesto nesta edición de 2019.

E cada ano que pasa tamén pode constatarse que cada vez son máis as familias carballiñesas que celebran o xantar no propio domicilio.

Aínda que a esencia da festa, o ambiente de romaría,  hai que seguir buscandoo no parque municipal, o certo é que o número de caldeiras de pulpo repartidas polo casco urbano xa superan ás que se ubican no parque .

Tanto sexa no ámbito urbano durante os días previos como durante a fin de semana, como tamén o domingo no parque municipal,  o que está fora de discusión é o gran poder de convocatoria popular que cada ano sigue mostrando a Festa do Pulpo, con ducias de miles de visitantes que tamén este ano volveron abarrotar O Carballiño.

O concello do Carballiño apunta a un "novo record" de participación nesta 57 edición da Festa do Pulpo e como indicador delo fai referencia a gran cantidade de vehículos que dende mediodia podían verse estacionados nas aforas da zona urbana.

A xornada festiva desenvolseuse con normalidade e sen incidencias, e finalmente, ata o tempo acompañou a pesar da amenaza de choiva, cun dia de ceos nubosos e temperaturas suaves, con máximas de apenas 21 graos.