Festa dos maiores: Chema Ferreiro pide un "debate productivo" e o PSdG culpa a concello e Xunta do seu esmorecemento

17, Xuño 2014

O que fora máximo responsable da organización da festa na etapa do goberno bipartido da Xunta botou man da retranca para recordar que "no seu momento PP e PSOE esixiran a miña dimisión, espero que agora fagan un pleno monográfico e pidan a dimisión da conselleira".

Chema Ferreiro referíase a polémica vivida cando exercía como delegado da Xunta "daquela acordarase organizar unhas xuntanzas en cada provincia, pero esta do Carballliño seguía sendo a de referencia para toda Galicia, os medios falaban dunha afluencia de 60.000 persoas, podese comparar co desastre deste pasado sábado, con todo o que elo siñifica para a hostelería do Carballiño, é necesario abrir un debate e formular iniciativas que recuperen o explendor da festa", remarcou. 

"Os políticos deben saber dar un golpe na mesa cando é preciso na defensa do pobo de un, e daquela fixose asi, compre ousadia política, pero desafortunadamente para O Carballiño este grupo de goberno está desaparecido", manifestou Ferrreiro,  que en círculos do BNG sitáun como candidato a alcaldia desta formación política cara as eleccións municipais de 2015.

Doutra parte,o PSdeG responsabilizou ao Grupo de Goberno do Concello do Carballiño e á Xunta de deixar esmorecer a Xuntanza de Maiores, que contou este ano cunha baixísima participación.

Os socialistas criticaron que o PP, tanto na Xunta como no Concello, “está a condenar a Xuntanza de Maiores á súa desaparición” e critican que non se faga un esforzo para fomentar a participación nesta festa, que tradicionalmente contaba cunha gran afluencia de público.

Lembran que a Xuntanza  "chegou a congregar no Carballiño a máis de 20.000 persoas, mentres que na edición deste ano apenas chegaron ás 5.000".

Critican así que ante o desinterese da Xunta por esta celebración, o goberno municipal non sexa quen de tirar por un evento que ano tras ano atraía milleiros de visitantes ao Carballiño, favorecendo o consumo e convertendo ese sábado nunha xornada positiva para o pequeno comercio e a hostalaría.

Os socialistas agardan que o vindeiro ano a Xuntanza dos Maiores teña unha nova oportunidade para volver a ser o que era. “Estamos convencidos de que Marnotes, debido á súa pésima xestión, xa non estará na alcaldía, e entón teremos a oportunidade de devolverlle á festa o seu prestixio”.