As Festas do Setembro quédanse este ano sen concertos

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) A Casa do Concello acolleu o acto de presentación da programación das Festas do San Cibrao que se celebrarán do 14 o 19 de setembro no Carballiño. A gran aposta deste ano serán as orquestras, en lugar dos concertos que ata este ano eran o sinal de identidade dos festexos. Pero a actuación das mellores orquestras de Galicia non será a única novidade para este ano, senón que tamén apostan pola animación diaria con diferentes charangas, bandas de música, gaiteiros e actividades para os máis cativos. Previa á celebración dos festexos, o día 11 e 12 de setembro terá lugar o festival "Likorkafest 2010" coa actuación de diferentes grupos locais noveis de rock e rap na Praza das Monxas. O martes día 14 darán comezo as Festas na honra do San Cibrao coa inauguración do tradicional Alumeado Artístico ás 22:00 horas. O mércores día 15 terá lugar o pregón popular a cargo do "Humorista Campos" e a partir deste día e ata o 19 as verbeas correrán a cargo das mellores orquestras de Galicia. Paris de Noia, Gran Parada, Panorama, La Oca, Olympus, Tekila, Nova Palma, Filadelfia e Sintonía de Vigo serán as encargadas de amenizar as noites durante estes días festivos. Unha gran cambio onde se aposta polas orquestras debido a gran experiencia acadada en edicións anteriores, apuntaba o alcalde de O Carballliño, Carlos Montes. As diferentes actuacións terán lugar na Praza Maior, aquelas que conten cun palco de grandes características, e na Pista Roxa, o resto. As actuacións musicais deixarán un oco para outras actividades de ocio, culturais e deportivas. A tradicional Feira de Artesanía durantes os días 16, 17,18 e 19 e a "4º proba puntuable do Campionato Galego de Trial 4x4 na Comunal de Pol, serán algunha delas. A gran tirada de fogos realizarase os días 16 e 17 a cargo da Pirotecnia "Penide" e "La Gallega". Juan Nogueira, representante da comisión de festas, agradecía ós patrocinadores, colaboradores, comerciantes e persoas do pobo "a súa colaboración nun ano tan delicado como este" e onde contan cun orzamento de 130.000 euros.