Fumega comprométese a xestionar a apertura da Residencia de Tempo Libre durante todo o ano

28, Xuño 2015

O alcalde Francisco Fumega comprometíase diante das traballadoras da residencia de Tempo Libre a dinamizar estas instalacións para chegar a telas abertas durante todo o ano, tal e como veñen reclamando estas traballadoras dende hai anos.

O rexedor municipal, xunto co concelleiro Afolfo Nogueira, mantiveron  unha reunión "para coñecer o estado actual das quendas da citada residencia, e sobre todo para confirmarlle ás traballadoras a intención de iniciar xa as xestións diante da Xunta de Galicia, e máis en cocreto na Consellaría de Traballo e Benestar, organismo que dirixe esas dependencias, así como encargado de marcar as quendas de apertura destas", según informan desde o concello.

De feito -aseguran- xa se iniciaron as conversas para acordar unha reunión cos responsables da Residencia de Tempo Libre “xa que etendemos que non podemos deixar pasar nin un minuto máis neste asunto”.

Fumega destacaba o interese do actual grupo de goberno en poñer en valor este tipo de infraestruturas para que, ademais de ofrecer unha establidade laboral as traballadoras , tamén é un aliciente e un punto de atracción para o turismo “e isto debe ser durante todo o ano, non só en fases estacionais”.

Tanto Adolfo Nogueira como Francisco Fumega sinalaban o “importante motor que esta residencia de tempo libre pode ser para a economía local, xa que a súa apertura durante todo o ano beneficiaría a sectores tan importantes no Carballiño como o comercio e a hostalaria, creando un flujo de clientela que neste intre estase a desaprobeitar por ter esas instalacións pechadas”

Así mesmo os gobernantes municipais tamén teñen "a intención de facer unha xestión indirecta desas dependencias, sobre todo no capítulo de información e publicidade da residencia, para que todo o mundo poida coñecer a súa existencia, así como as oportunidades que ofrece, non só para o turismo, senón tamén para a organización de eventos congresuais e de todo tipo", manifestan.

Na actualidade na residencia de Tempo Libre do Carballiño traballan unhas 26 persoas, e durante o presente ano estiveron abertas ó público estas instalacións un mes, en días e semanas soltas, e agora están abertas dende mediados de maio ata mediados do mes de outubro. En total serían 6 meses neste 2015, a espera de saber cales serán as quendas de apertura no mes de decembro e Nadal.