Fumega considera que o alcalde "está a levar O Carballiño ao desastre", Marnotes responde que "é difícil avanzar con tantos desastres dos anteriores gobernos socialistas".

9, Xaneiro 2015

Nota da prensa do Grupo Municipal Socialista

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, cualificou o 2014 como “un ano perdido” para O Carballiño, no que a ineptitude, desidia e política de brazos caídos que levou a cabo Marnotes só trouxo aos cidadáns máis paro, máis impostos, máis débeda pública e menos desenvolvemento económico. Fumega lembrou que os cidadáns están a sufrir as políticas de recorte do PP dende o Goberno central, a Xunta e o Concello, ao que se engade a pésima xestión de Marnotes, que non está a traballar para mellorar a calidade de vida dos carballiñeses.

“Ningún cidadán do Carballiño vive hoxe mellor que cando Marnotes chegou á alcaldía” sinalou Fumega, que cualificou a Marnotes como un “pésimo alcalde, que está a levar ao Carballiño ao desastre”.

Fumega lembrou que o programa electoral de Marnotes incluía o emprego e a promoción económica como as súas principais prioridades, con propostas como a creación dun centro municipal de formación para o emprego e dunha liña de apoio a iniciativas emprendedoras, a xeración de máis solo empresarial, creación do centro de negocios, relanzamento da praza de abastos, e promoción do Carballiño como lugar para vivir. “Destas propostas, non levou a cabo ningunha. É mais, a situación do tecido comercial, económico, turístico e empresarial empeorou dende que chegou á alcaldía”, apuntou.

O portavoz socialista lembrou o peche de numerosos negocios históricos do Carballiño e a falla de oportunidades laborais debido ao escaso desenvolvemento e promoción de sectores tan importantes como o turismo, a hostalería e o comercio. A ineficaz xestión de Marnotes reflíctese nas cifras do desemprego, xa que se en Novembro tres persoas foron ao paro cada día; en Decembro O Carballiño foi o concello no que mais subiu a cifra de parados de toda a provincia de Ourense.

Así, nun mes que normalmente é positivo para o emprego, na Comarca do Carballiño rexistráronse 40 persoas mais no paro, das cales 32  pertencen ao Concello do Carballiño, que pechou o ano con 1.415 parados.Fumega lembrou que cada vez mais xente ten que emigrar dunha vila que esmorece día a día, e que Marnotes, que incluía no seu programa electoral o proxecto de Carballiño como lugar para vivir “está a converter esta vila nun lugar para fuxir”.

“Cada vez hai menos servizos públicos e máis taxas municipais. Non temos prazas nas garderías, e despois de dous anos dende que se aprobou o proxecto de Galiza Azul non temos nin siquera o ovo”, apuntou, e ademais “as familias pagan cada vez mais impostos e as escolas de fútbol ou o conservatorio de música, cada vez teñen prezos mais abusivos”.

Ademais lembrou os proxectos anunciados por Marnotes para 2014 que quedaron polo camiño, entre eles o Parque de Bombeiros do que nada sabemos a pesar do compromiso de Marnotes e do conselleiro da Presidencia. O alcalde tampouco foi quen de dar unha solución aos traballadores do matadoiro, que levan dous anos de promesas incumpridas; nin para a Residencia do Cornuval,  na que a Xunta investiu 7 millóns de euros e que leva 5 anos parada. “O único que se fixo foi poñerlle un parche cunha privatización que permitirá ofertar 20 prazas das 80 das que estaban previstas”.

Un dos principais potenciais que ten O Carballiño que é o turismo está totalmente abandonado polo goberno municipal. Marnotes comprometeuse  á posta en marcha do Instituto Termal, impulso do Padroado de turismo, apertura da residencia do tempo libre todo o ano, área de estacionamento de autocaravanas no camping, potenciación dos sectores hoteleiro e hostaleiro, e impulso do termalismo. E o que vemos é que actualmente o camping está abandonado, o proxecto para as autocaravanas, esquencido; do Instituto Termal nada se sabe, e o único impulso en materia de termalismo é o investimento de 25.000 euros da Deputación para o Bañiño de Arcos. Mentres, o patrimonio natural como o parque e o museo etnográfico, sen ningún tipo de coidado, promoción e impulso por parte do goberno local.

Fumega tamén denunciou que Marnotes se comprometera a poñer en marcha un sistema efectivo de limpeza de rúas, “e o que vemos é que cada vez as rúas están mais deterioradas, cheas de bache e con mais suciedade. Pagamos mais polo servizo do lixo dende que o alcalde asinou o convenio coa Deputación, xa que pasamos dos 340.000 euros aos 650.000 euros, mentres e que as rúas están máis sucias”. O convenio para a recollida do lixo coa Deputación foi un derroche de diñeiro, xunto co gastado en avogados, en facer unha pista de padel, en intereses polo plan de axuste e en pagar ao equipo redactor do PXOM. “En total, un millón de euros tirados, co que podería terse feito políticas de dinamización económica municipal”, sinalou Fumega. 

 A  isto hai que engadir que Marnotes non foi capaz de reducir a débeda pública, de 4,2 millóns de euros, a pesar de subir as taxas de case todos os servizos públicos e de privatizar a xestión de outros, como o de axuda no fogar. “O resumo deste ano é que a xestión de Marnotes foi desastrosa, que dende que  chegou a alcaldía O Carballiño está moito peor pola súa ineficacia, que a súa contribución ao desenvolvemento económico e á dinamización do emprego foi nula, e que con Marnotes como alcalde O Carballiño pasou de ser unha vila punteira desta provincia nun auténtico desastre”, concluíu o portavoz socialista.

Nota de prensa da alcaldía do Carballiño

 O alcalde do Carballiño cualifica as declaracións do PsdeG PSOE doCarballiño como electoralistas "cunha intención de confundir os veciños só para un futuro proveito nas próximas eleccións municipais". Estas declaracións do máximo edil carballiñés fundaméntanse en varios puntos. En primeiro lugar, e sobre critícaa da oposición en referencia ao paro parécenos pouco menos que temerario usar este argumento, co que socialmente leva consigo, sobre todo cando podemos observar nos datos estatísticos que durante todo o ano o paro no Carballiño descendeu, en contra da tendencia nacional e, malia que en novembro e decembro subiu esta cifra, séguese mantendo nas cifras do 2011. Dende que iniciamos este mandato realizamos numerosas accións para fomentar a contratación dos nosos veciños, como un número considerable deles poden afirmar. Iso é precisamente o que nos importa, eses veciños que conseguiron traballo grazas ás xestións realizadas dende este grupo de goberno (destacar a xestión con empresas de ámbito internacional que se instalaron no último ano no Carballiño e ofertaron postos de traballo local).

Sobre a política municipal en termalismo Argimiro Marnotesrecordaba que "o termalismo no Carballiño está en mans privadas. Malia iso dende o grupo de goberno aprobamos unhas bonificacións fiscais para potenciar a construción do novo balneario de Partovia, que esperamos que estea rematado en setembro, por non contar as xestións que tivemos que realizar para retomar as boas relacións cos propietarios do Gran Balneario, relacións que se romperon en pasados mandatos socialistas," así mesmo recorda Marnotes eses anuncios de expropiacións "irrealizables" anunciados dende o goberno do PSOE, que só valeron para entorpecer o futuro termal carballiñés.

Por último, sobre o tema das obras realizadas durante este mandato, Argimiro sinala que non é cuestión de enumerar todas elas, pero é curioso que o PSOE non recoñecese aínda a grande obra do ámbito da Veracruz que tivemos que rescatar ante o nefasto proxecto que eles pretendían executar e que colocaba a nosa xoia arquitectónica entre muros de cemento. Pero se falamos de obras non podemos esquecer o tempo e lle diñeiro gastado en arranxar o que herdamos de anteriores gobernos socialistas, como a súa "grande obra" do Arenteiro, que deixaron os colectores sen conectar, e que nós tivemos que executar, por non falar dos 3.500.000 de euros que tivemos pagar para devolver os impostos de obra cobrados, de forma un tanto ilegal, aos promotores en épocas socialistas". Tamén recorda proxectos de impulso como apeatonalización de zonas comerciais da vila ou o tempo que nos está a ocupar resolver un problema como o da Fábrica de Papel, que segundo o anterior alcalde, estaba todo resolto, tanto que mesmo a Xunta investiu diñeiro e tempo nunha propiedade que nin xiqueira é municipal".

Argimiro Marnotes finaliza asegurando que "aínda queda moito por facer para seguir impulsando o noso municipio, pero é difícil avanzar cando tivemos tanto que arranxar dos desastres realizados polos anteriores gobernos socialistas do Carballiño".