Fumega e García manifestan o seu compromiso para que se materialice o acordo alcanzado entre ambos

6, Febreiro 2017

O alcalde carballiñés Francisco Fumega e o seu aliado para a aprobación dos orzamentos municipais deste ano, o concelleiro de AV-En Marea, Bernardo García,manifestaron a súa satisfación e compromiso polo acordo alcanzado,no que atinxe as obras e actuacións que se van levar a cabo con cargo aos orzamentos de 2017.

O plan foi exposto esta mañá nunha rolda de prensa ofrecida por ambos representantes municipais, que puxeron énfase na urxencia dalgúns dos proxectos e valoraron o acordo como de gran interese para toda a cidadanía, especialmente, para aqueles veciños que residen nas rúas e estradas que van ser obxecto de melloras, ou daqueles que usan as instalacións culturais e deportivas.

No casco urbano citaron a necesidade de acometer o asfaltado e beirarrúas, no seu caso, das rúas Aquilino Sánchez, Saleta, Alberto Vilanova, Avenida do Parque e Costa Rica. Asemade, na zona rural citaron o acceso dende Señorín ao Instituto, o acceso dende o Pavillón de Deportes a Veiga e a Avenida do Parque no tramo ao instituto e parque etnográfico. En todos os casos valoraron as deficiencias que se atopan actualmente, con problemas do firme das calzadas, beirarrúas e incluso saneamento e pluviais.

Por iso, o alcalde asegurou que cos 400.000 euros previstos no orzamento municipal para infaestruturas viarias poderase acometer unha boa parte destes proxectos, e o resto faranse con fondos doutras administracións públicas.

Ao respecto, Bernardo García sinalou que todas as obras responden a unha necesidade real e favorecen a un gran número de veciños. Así, referiuse a culminación da beirarrúa da Avenida do Parque como unha demanda de hai trinta anos, e que representa un problema de seguridade para os centos de persoas que a usan habitualmente para acudir ao Instituto de FP ou que van de paseo ata o parque etnográfico.

No mesmo sentido se expresou o alcalde cando se referiu á apertura da rúa Costa Rica, da que dixo ía solucionar un grave problema de pluviais do cruce da baixada a Astureses no cruce coa Avenida do Balneario.

Ademáis, o acordo inclúe a reforma da Casa da Cultura, así como doutras instalacións municipais, como o pavillón de deportes e as piscinas. O portavoz de AV-En Marea precisou que este acordo era un tema moi puntual sobre obras de infraestrutura, pero que a súa intención era que fose máis global, intentando aforrar cartos nalgunhas partidas para poder dedicar máis diñeiro ás infaestruturas culturais e deportivas, entre outras