Fumega viaxa a Bruxelas para interesarse por fondos europeos destinados aos concellos

22, Xaneiro 2016

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, viaxa o próximo luns a Bruxelas, para coñecer as posibilidades de fondos de financiamento da Unión Europea destiñados aos concellos para impulsar o seu desenvolvemento social, económico e medioambiental.

Precisamente, o alcalde e o seu grupo de goberno, "están deseñando actualmente proxectos en cada unha destas materias, susceptibles de formar parte de programas europeos, polo que esta viaxe resulta de gran interese",subliñan dende o concello carballiñés.

Francisco Fumega viaxa xunto con outros alcaldes de Galicia, invitados polo Grupo Socialista Europeo, que sufraga todos os gastos íntegramente.

O alcalde permanecerá fóra durante o luns e o martes, 25 e 26 de xaneiro, respectivamente. "Serán dúas xornadas intensas, con reunións e visitas aos principais organismos e institucións da UE, como o Parlamento Europeo, dependencias da Comisión Europea, Comité das Rexións e a Fundación Galicia-Europa", informan dende o concello.

"Resultan de gran interese as reunións que se celebrarán sobre temas que atinxen directamente aos concellos, como: Fondos Estruturais e de Investimento e Administración Local; Fondo Social Europeo e a Iniciativa Xuvenil de Emprego; Política Urbana da Unión Europea, e Horizon2020 e LIFE+, entre outros proxectos europeos", destacan dende a institución municipal.

A estes encontros asistirán membros da Comisión Europea e do Parlamento Europeo, entre outros, o deputado galego José Blanco, que actúa de anfitrión da visita.

Fumega, "que conta con certa experiencia na presentación de proxectos europeos, considera unha gran oportunidade poder coñecer de primeira man as novas liñas de financiamento ás que se poden acoller as entidades locais para desenvolver programas, así como manter contacto directo cos responsables e técnicos que están a cargo destes programas", remarcan.