A gandeiría ecolóxica ocupará os dous proxectos de aldeas modelo que están en marcha nos concellos de Boborás e O Irixo

31, Maio 2020

A Consellería do Medio Rural continúa avanzando no desenvolvemento dos proxectos de aldeas modelo en diferentes puntos de Galicia. Estas iniciativas teñen por obxectivo principal xerar actividade agrogandeira arredor dos núcleos rurais, co fin de recuperar e poñer en valor a terra agraria e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais, creando unha devasa natural fronte a eles.

Así se está a facer, por exemplo, nas aldeas modelo de Penedo de Xuvencos, en Boborás, e de Trabazón, no Irixo.

Precisamente os alcaldes de ambos concellos da comarca do Carballiño, Patricia Torres e Manuel Cerdeira, respectivamente, mantiveron un encontro de traballo con técnicos da Consellería e con promotores de proxectos produtivos para ambos núcleos, co obxectivo de impulsar estes proxectos.

No caso do Penedo de Xuvencos(Boborás), vaise desenvolver actividade gandeira de porcino autóctono ecolóxico. Aproveitaranse as terras para a cría en extensivo destes animais, así como para cultivos ecolóxicos que servirán para alimentalos.

En Trabazón (O Irixo) farase algo semellante, pero con produción aviar, de galiña piñeira, tanto para ovos como para carne. Tamén neste caso aproveitarase o terreo para a súa cría ao aire libre e para plantacións en ecolóxico que servirán para alimentar as aves. Co fin de acondicionar as superficies obxecto de actuación, o seguinte paso será redactar, de acordo cos promotores, os correspondentes proxectos de obras. Serán actuacións tales como a construción de peches para o gando, a instalación de comedeiros e bebedeiros ou a mellora de infraestruturas de acceso, entre outras.

A aldea modelo de Penedo, en Boborás, conta cun total de 675 parcelas correspondentes a 132 propietarios, cunha superficie de 23,5 hectáreas. A de Trabazón, no Irixo, consta de 220 parcelas de 30 propietarios, cunha superficie de 6 hectáreas. Estes núcleos forman parte das 11 aldeas modelo xa declaradas en Galicia.