Gastronomia e Fútbol, proposta de CD Arenteiro para esta fin de semana

27, Setembro 2018

Hinchables, animación musical con DJ, salchichas e cervexa alemás, forman parte da oferta da II OKTOBERFEST que organiza C.D. Arenteiro esta fin de semana na Praza do Emigrante. Para isto estase instalando unha carpa na “pista roxa”.

O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o directivo de C.D. Arenteiro, Manuel Sotelo.
Trátase de pasar un momento de divertimento, degustar bos productos e contribuir a xerar fondos para o club, segundo manifestou Manuel Sotelo, que expresou o desexo de que esta festa acadase tanto éxito como a primeira edición, celebrada o pasado ano.

Diego Fernández resaltou o esforzo que realiza a directiva do equipo de fútbol carballiñés para conseguir fondos adicionais con que sufragar os elevados custos do equipo nesta tempada, e que é unha festa para todo tipo de público, incluso familiar, pois os nenos disporán dunha zona de xogos hinchables.

A festa comezará este venres, 28 de setembro, ás 19,00 h.; continuará durante o sábado, e rematará o domingo. O horario de peche será ás 02,00 h., e o de apertura o sábado e o domingo será ás 12,00 h.

O domingo 30, no que se disputa en Espiñedo un novo encontro de Terceira División, enfrontándose C.D. Arenteiro ao conxunto do CD Ribadumia, anímase dun xeito especial á afección para achegarse ata a carpa e xantar salchichas e outros pinchos antes de dirixirse ao estadio. “É unha forma de axudar ao club compartindo o xantar coa afección”, dixo Manuel Sotelo.