Grandes figuras do enduro participan esta fin de semana no VI Xtremo Mesego

31, Outubro 2018

Máis de cen pilotos participarán esta fin de semana na VI XTremo Mesego, que se disputará no Carballiño coa asistencia de grandes figuras nacionais e internacionais do enduro.

Así, entre os inscritos figuran Pol Tarrés, gañador das dúas últimas edicións; Álex Hidalgo e Ni Esteves, gañador portugués da clase Expert Lagares 2018.

O evento, que terá lugar o sábado 3 e o domingo 4, e que contará con pilotos procedentes de Cataluña, Euskadi, Andalucía, Madrid, Galicia e Portugal, entre outros lugares, foi presentado este mediodía polo concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e o presidente de XTremo Mesego, Juan Caderno.

O programa da sexta edición de XTremo Mesego comezará ás 11,00 h do sábado 3, en Pena Cobertoira, onde terá lugar unha proba especial cronometrada, cuxo remate está previsto para as 14,30 h.
Tamén o sábado, pola tarde, a partir das 17,00 h., celebrarase o prólogo urbano na rúa Ben Cho Sey.
E o domingo, día 4, terá lugar a partir das 10,00 h., en Pena Cobertoira, a última proba, cuxo remate está previsto para as 15,30 h.