GRI continuará coa súa actividade de fabricación de torres eólicas no parque empresarial do Carballiño

3, Maio 2017

“A empresa de fabricación de torres eólicas GRI, ubicada no parque empresarial do Carballiño, continuará desenvolvendo a súa actividade con total normalidade, sen que estea previsto a súa venda”, así o manifestaron o xerente da fábrica, Cándido González, e o director de recursos humanos, José Antonio Álvarez, durante unha reunión que mantiveron no concello co alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, para desmentir a noticia da venda da sección eólica de Gestamp a unha compañía multinacional, según se publicou por diversos medios de comunicación recentemente.

Polo tanto, confirmaron a continuidade da pranta e a permanencia dos 350 traballadores que ten actualmente.

Na reunión, os responsables de GRI informaron ás autoridades municipais que esta noticia debeuse a unha mala interpretación doutra noticia sobre a venda de parte dos parques eólicos da compañía, pero que non afectaba en absoluto ás prantas de fabricación dos aeroxeradores, como é o caso desta do Carballiño.

En realidade, a noticia orixinal do períódico económico Expansión informaba de que “La familia Riberas, principal accionista de Gestamp Automoción (GEST.MC), está negociando la venta de su negocio eólico por mercados o paquetes de activos y para ello ha contratado a Bank of America, en una operación que podría alcanzar un importe máximo de 2.000 millones de euros incluyendo deuda”. Sen embargo, obviouse que se refería aos parques eólicos e non ás prantas de producción. A finais do pasado ano a filial eólica contaba con cerca de 1.000 megavatios instalados ou en construcción.

Tanto Francisco Fumega como Adolfo Nogueira agradeceron a información facilitada polos responsables de GRI e amosaron a súa satisfacción por comprobar de primeira man a continuidade da pranta, que supón unha das fontes de emprego máis importantes para O Carballiño e a comarca.

Nun primeiro momento, a noticia da venda do negocio eólico de Gestamp provocou unha certa inquedanza no concello, xa que podía afectar á factoría ubicada no Carballiño, e por iso as autoridades municipais pediron unha reunión cos responsables da pranta. Sen embargo, tras a reunión de hoxe volve a tranquilidade, pois a información transmitida polos responsables de GRI non deixa lugar a dúbidas sobre a súa continuidade. Neste senso, o xerente Cándido González amosou o seu convencemento de que a permanencia de pranta no parque empresarial carballiñés ía ser por moito tempo.