A hostelaría local promove a "Ruta dos mil" para animar o lúns de entroido

25, Xaneiro 2018

Dezanove establecementos hosteleiros do Carballiño únense para promover o luns de entroido, 12 de febreiro, un gran concurso de peñas. Esta iniciativa, denominada “A RUTA DOS MIL”, vai dirixida a animar a tarde e a noite nesa víspera do martes de entroido, que é festivo na vila. Así mesmo, o concello contribuirá a crear un bo ambiente de entroido tanto nos locais como nas rúas contratando a tres charangas que actuarán dende as oito da tarde ata a unha da madrugada, no mesmo horario do concurso.

A organización do concurso corre a cargo destes locais hosteleiros que repartirán 1.500 euros en premios. Haberá un 1º premio de 1.000 euros, un 2º premio de 200 euros, un 3º premio de 100 euros, e un accésit de 200 euros para a peña máis numerosa. O xurado estará formado polos representantes destes mesóns, bares e cafeterías, e o resultado darase a coñecer no facebook do Centro Comercial Aberto a partir das 12 do mediodía do martes de entroido. Así mesmo, os gañadores deberán recoller os premios durante a entrega de premios do Gran Desfile do Martes, na Praza Maior.

As peñas deberán inscribirse en calquera dos locais participantes, aportando o nome da peña, a persoa responsable, DNI e teléfono. Ademáis, o requisito para concursar é que as peñas teñan un mínimo de oito integrantes e que visiten, cando menos, sete dos locais que forman parte da iniciativa.

Hai dezanove locais organizadores, que son: Little Galicia, Estate Quieto, A Fcuehela, Roraima, Copetín, Soldado, Lecer, Os Portales, San Andrés, Don Paco, Ningures, Loft, El Caserío, Plaza, Peñasco, Esquina, Fass, Moon 93 e O Fiadeiro.
O prazo para poder inscribirse neste concurso remata o domingo, 11 de febreiro, ás doce da noite.
Tanto dende o sector da hostelería como das concellerías de Cultura e Turismo, que organizan o programa do Entroido e da Festa da Cachucha, que se presentará este venres, anímase aos veciños do municipio, da comarca e de calquera outro lugar, a xuntarse e formar peñas para pasar unha tarde e noite de luns de entroido dun xeito divertido, e poder obter algún dos premios deste concurso.