Inicia a súa actividade o Plan Integral de Emprego "Carbaemprega", que financia a Xunta

28, Outubro 2016

O Plan Integral de Emprego “Carbaemprega” comezou hoxe a súa andaina. Un total de 60 persoas desempregadas e perceptoras de axudas foron seleccionadas para participar neste programa que ten por obxectivo acadar unha taxa de inserción no mercado laboral do 40% como mínimo.

A presentación deste plan realizouse esta mañá no concello coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; os concelleiros Argimiro Marnotes, do PP, e Marcos Reboredo, independente; así como os presidentes dos empresarios do Polígono e do Centro Comercial Aberto, e o director do grupo empresarial do sector eólico GRI; formadores, orientadores laborais e alumnos e alumnas.

Francisco Fumega comezou agradecendo o apoio da Consellería de Economía, que singularizou no director xeral, por aprobar o proxecto do Plan Integrado de Empleo presentado polo concello do Carballiño.

Ao respecto, dixo que “cremos que é unha boa iniciativa para integrar ás persoas desocupadas no mercado laboral”. Fumega asegurou que a búsqueda de emprego era a principal demanda que lle plantexaban os veciños e veciñas do Carballiño, e que non había ningunha outra cuestión que lle ocupase máis tempo. “Por iso é tan importante que este plan se desenvolva do mellor xeito e co maior aproveitamento posibles”, según dixo.

Finalmente abogou pola colaboración entre as administracións e o tecido empresarial para cambiar o rumbo da situación en materia de emprego, e animou a todos a aproveitar esta oportunidade e traballar duro para conseguir o obxectivo de inserción que prevé o plan.

A esta cuestión tamén se referiu Adolfo Nogueira, que puxo de manifesto o traballo desenvolvido para lograr a aprobación deste plan pola Xunta e a súa posta en marcha.

Malia a que se persigue un obxectivo de inserción do 40%, o concelleiro animou aos alumnos, formadores e os representantes do tecido empresarial para superar esa meta e conseguir a maior ocupación posible das persoas participantes no programa.

Neste sentido, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, dixo que, independentemente da inserción que se consiga, a formación incrementa as posibilidades de empregabilidade, porque sempre ten resultado e é moi útil.

Marnotes ensalzou o plan presentado polo concello, asegurando que era un bo plan, e o puxo como exemplo do traballo conxunto das administracións e o sector empresarial para que as 60 persoas seleccionadas poidan recibir orientación, información e formación específica en materias vencelladas coa industria local.

Asemade, informou que neste momento estaban en marcha na comarca do Carballiño cinco programas de formación laboral no que participaban 75 persoas, incluidos os obradoiros de emprego, e que a consellería de Economía destinaba 3 millóns de euros a esta cuestión en toda Galicia, coa participación de 1.700 persoas.

Por iso animou a aproveitar estas posibilidades que se ofrecen nestes programas e plans. Finalmente, puxo de manifesto o obxectivo da Xunta de baixar a taxa do paro do 16% ao 10% en catro anos.