Intensa fin de semana deportiva na que O Carballiño agarda a chegada de máis de 2.000 persoas

29, Marzo 2019

O Carballiño terá esta próxima fin de semana unha intensa actividade deportiva. Así, celebrarase un Campionato de Scalextric, e dúas Copas Deputación de Balonmán e Ximnasia Rítmica.

O sábado, 30 de marzo, terá lugar no auditorio municipal Manuel María o Campionato Scalextric O Carbaliño 2019 que organiza a Asociación Auria Slot en colaboración co concello do Carballiño.

Esta actividade desenvolverase na sala de exposicións do auditorio, onde se colocarán dous circuitos de grandes dimensións. Pola mañá, entre as 10 e 12h, todos aqueles que o desexen poderán adestrar sen custo algún, xa que pola tarde dende ás 15.30h terá lugar o campionato. O prezo de inscrición é de 4€, e os que desexen participar e non teñan coche poderán facelo cun coche prestado pola propia organización, que anima a cativos e adultos a vivir a experiencia do scalextric.

Tamén o sábado 30 de marzo, no pavillón de deportes Paco Chao, terá lugar a Copa Deputación Base Infantil, Alevín e Benxamín de Balonmán. Participarán 10 equipos formados por 100 rapaces e rapazas, pertencentes ás provincias de Ourense e Lugo.

E o domingo, 31 de marzo, tamén no pavillón de deportes Paco Chao disputarase a Copa Deputación de Ximnasia Rítmica. Desenvolverase en xornada de mañá e tarde, correspondente a unha fase da Copa Deputación na que participarán ao redor de 720 ximnastas.

A este evento calcúlase que acudirán unas 2.000 persoas entre deportistas e familiares. Os clubes participantes neste trofeo son o Club Burgas, Ximnasia Pavillón, Celanova, Barbadás, Maceda, Xinzo de Limia e o club anfitirión Marusia.