Leiro vive a Festa da Vendima máis multitudinaria

25, Agosto 2019

A vila de Leiro rexistra un gran ambiente dende primeiras horas da mañá deste domingo 25 de Agosto, de ceos cubertos e amenaza de choiva.

A 30 edición da Festa da Vendima, co expresidente do goberno de España Mariano Rajoy como pregoneiro estelar, está resultando un  gran éxito de convocatoria, coa Praza de Cruceiro e a rúa principal de Leiro cheas de público de todas as idades que non queren perderse o sempre espectácular desfile de charangas e carrozas, que representan distintas esceas do traballo e as tradicións arredor do viño no Ribeiro.

A presenza de Mariano Rajoy tamén trouxo ata Leiro a outras personalidades da política, entre as que se encontran a expresidenta do Congreso dos Deputados Ana Pastor, ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Unha vez celebrado o desfile de carrozas, as actividades concentranse dende primeira hora da tarde no parque do Salgueiral, á beira do río Avia, onde se encontra ubicado o mercado artesanal, a mostra de viños de Leiro e o gran comedor ao aire libre que acolle o xantar campestre.

A xornada complétase co Festival da Vendima do Ribeiro, a partir das oito da tarde na igrexa de San Pedro de Leiro,  e actuación dun grupo musical.