A localidade portuguesa de Alijó e O Carballiño colaborán en iniciativas turísticas e culturais

10, Xaneiro 2019

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu hoxe a visita do presidente da Cámara municipal de Alijó, José Rodrigues Paredes, e da vereadora das áreas de Turismo, Educación, Xuventude, Deportes e Saúde, Sónia Andrea Rodrigues Pereira Pires.

A visita tiña por obxecto fortalecer a amizade que existe entre ambos concellos dende o ano 2004, cando se iniciou un expediente de hermanamento entre ambas localidades, colaborando en diversas iniciativas de ámbito turístico e cultural.

Á recepción, que tivo lugar na Alcaldía, tamén asistiu o concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Dacal, e no transcurso da mesma acordouse a colaboración en diversas iniciativas turísticas e culturais como a presencia do Carballiño na feira de Vinhos e Sabores dos Altos “Alfeira” e Sons do Parque, actividades que teñen lugar a mediados do mes de xullo en Alijó.

Así mesmo, convidouse ás autoridades alijoenses a asistir á próxima Festa do Pulpo e realizar diversos intercambios de interese cultural.

Alijó é unha localidade pertencente ao distrito de Vila Real, na comunidade intermunicipal do Douro, cuxa ubicación lle confire a súa característica máis destacabale, como é a producción vinícola e a paisaxe da ribeira do Douro.

De feito, o Alto Douro Vinhateiro ou Regiäo Vinhateira do alto Douro, á cal pertence Alijó, xunto con outros doce municipios, foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade no ano 2001.

O próximo encontro entre os mandatarios de Alijó e O Carballiño terá lugar na próxima celebración de XANTAR, en Ourense, no mes de febreiro, onde Alijó terá un stand propio e O Carballiño concurrirá conxuntamente co Xeodestino O Carballiño-O Ribeiro.

Neste encontro está previsto concretar as iniciativas de colaboración tras intercambiar neste tempo as diferentes programacións en materia de turismo e cultura de ambos concellos.