Lume, circo, pirotecnia e luz para recibir aos Reis Magos na gran cabalgata do Carballiño, este venres desde as cinco e media da tarde.

4, Xaneiro 2024

Nos últimos anos dende o Concello do Carballiño organizan un espectáculo polo Día de Reis dirixido ó público familiar que atrae a moita xente da comunidade autónoma, convertíndose nun referente que ademais cada edición conta con novas sorpresas.

O punto de encontro será, como xa ven sendo habitual, a fachada do Templo da Veracruz, que nesta ocasión recibirá os visitantes ás 17:30 horas cun espectáculo de altura, onde unha experta artista, executará un trepidante e elegante número de malabares suspendida a mais de 15 metros de altura, coordinado entre luces, son e figuras flotantes, que encherán o ceo de cor, dando paso a malabares con lume que quentarán o ambiente para rematar cun espectáculo de pirotecnia diseñado para a ocasión. As súas Maxestades de Oriente manifestarán a súa presenza saudando dende o alto da Veracruz, para logo baixar fugazmente e desfilar polas rúas nas súas carrozas máxicas, acompañados dun séquito de figuras de fantasía tales como cabalos de luz e cor, zancudos, xigantes ou mesmo patinadoras máxicas , entre outras personaxes.

O tramo afectado da rúa Evaristo Vaamonde deberá estar libre de vehículos aparcahdos dende as 8:00 horas do venres e permanecerá cortado ao tráfico dende as 12:00h. Ademais, as rúas polas que circulará a cabalgata serán Conde Vallellano, Rosalía de Castro, Tomás María Mosquera, Cruce de Ribadavia, Rúa Ribeiro e Cesáreo Tizón. Ao remate da cabalgata, Melchor, Gaspar e Baltasar pronunciarán o seu mensaxe de Nadal dende o balcón do concello para, posteriormente, recibir ós cativos no salón de plenos .

Dende a concellería de cultura do Carballiño queren agradecer a colaboración do grupo de voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella, Policía Local, Grupo Municipal de Emerxencias, brigadas de obras e medioambiente, servizo eléctrico municipal e Garda Civil que participarán no operativo durante a xornada do venres. Asemade, tamén fan un chamamento sobre a importancia que ten realizar as compras no comercio local, e máis nunhas datas tan sinaladas e de tanto consumo como estas, por eso, agardan que con este espectáculo de gran formato tamén moita xente aproveite a súa visita á vila para mercar.