Maio despide a tempada da ruta das tapas do Carballiño, os venres 5 e 12, as últimas xornadas están dedicadas aos productos do mar.

4, Maio 2023

Ameixas á mariñeira, salpicón de langostinos e pulpo estilo O Carballiño ou navallas son só algunhas das propostas das dúas últimas xornadas desta edición da Ruta das Tapas do Carballiño, a proposta que nos fan para este mes de maio que despide a tempada 2022-2023 desta ruta gastronómica carballiñea.

A iniciativa dedícase nesta ocasión aos produtos do mar e foi presentada esta mañá pola xerente do Centro Comercial Aberto do Carballiño, Noelia Mares, no restaurante Fuchela, un dos trece locais hostaleiros que ofrecerán os seus pratos os días 5 e 12 de maio. O responsable deste establecemento, César Álvarez, agradeceu en nome de todos os locais participantes que se leve a cabo esta iniciativa para dinamizar o sector e animou a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar.

Á presentación tamén asistiron o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; a representante de Pazo Tizón, Raquel Cabo, e a secretaria da Asociación de Pulpeiros, María del Mar Lage. O edil agradeceu o apoio da hostalería e insistiu na importancia de dinamizar o sector. Cómpre lembrar que entre os clientes participantes levarase a cabo o sorteo dunha visita ao Museo Estrella Galicia da Coruña para o gañador e catorce persoas máis e dunha maridaxe para o mesmo número de persoas no Pazo Tizón.