Máis de 2.000 persoas pasaron este verán pola Oficina Municipal de Turismo do Carballiño

3, Outubro 2014

A oficina municipal de turismo situada na praza da Alameda pechou esta semana, unha vez que finalizou o período subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia, contabilizando durante estes meses máis de 2.000 visitas solicitando información turística da vila, a comarca e Galicia en xeral.

No informe realizado polas dúas técnicas de turismo que estiveron á fronte da oficina, destaca que a procedencia dos visitantes ao Carballiño durante os meses de verán eran, maioritariamente, de Galicia, aínda que se observou un aumento de visitantes procedentes doutras comunidades como Madrid ou Cataluña. Este número non é o total dos visitantes que tivo O Carballiño durante estes meses, xa que doadamente puideron ser máis do dobre, son soamente os que pasaron pola oficina municipal a solicitar información.

Neste sentido, a procedencia dos visitantes nacionais foi, en primeiro lugar Galicia, en segundo lugar Madrid e en terceiro lugar Cataluña. Logo, outras comunidades das que viñeron visitantes foron País Vasco, Andalucía, Valencia, Castela e León, Asturias, Castela a Mancha, Navarra, Murcia, La Rioja, Extremadura, Cantabria, Canarias, Baleares, e Aragón.

Sobre os visitantes procedentes de fóra do territorio nacional, Francia segue sendo o de maior número de visitantes, xunto con Portugal, seguidos de Alemaña e Arxentina. No que se refire á idade media dos visitantes, os maiores de 50 anos foron os que máis acudiron á vila, seguido da franxa de idade entre 40 e 50 anos, do que se detecta que é o turismo familiar o que máis atrae O Carballiño.

A maioría destes turistas chegaron ao carballiño en coches particulares, aloxándose principalmente na Residencia de Tempo Libre, nos hoteis e hostais da vila, e no cámping municipal.

No que se refire á información solicitada por estes turistas, a Veracruz segue sendo un dos puntos de atracción máis importante, e polo que máis preguntan todas as persoas que visitan O Carballiño, seguido moi de preto da solicitude de información sobre a Festa doPulpo, o Parque Municipal, e o museo etnográfico. Cabe destacar tamén o interese mostrado pola maioría dos visitantes, na tradición gastronómica da zona (con especial referencia ao polbo á feira).

Por último, do informe presentado, recóllese tamén que o número de visitantes que descubriron O Carballiño grazas ás novas tecnoloxías, internet principalmente, aumenta considerablemente, sendo as páxinas da Festa do Pulpo e do propio concello, as que máis turistas atraeron durante este verán.

Con todos estes datos, os responsables de turismo do concello doCarballiño, comproban que a expansión deste sector na vila pasa por manter as accións cara a aumentar e fixar o turismo familiar, acudindo ás feiras e certames onde este sector sexa o principal destinatario. Así mesmo acrecentar a información e difusión dos monumentos carballiñeses, principalmente o templo da Veracruz, para o que se está a estudar a posibilidade de colocar carteis informativos sobre esta obra de Pazos e, polo seu posto, seguir impulsando a Festa do Pulpo e o polbo a feira, como principal atractivo para os visitantes, e perfecto embaixador do Carballiño dentro e fóra do territorio español.

Así mesmo, e á vista deste informe, continuar a campaña de difusión da Residencia de Tempo Libre, sen abandonar o apoio aos hoteis e hostais da vila en cantas accións desenvolvan como colectivo ou a título particular.