Máis de 30 actividades na programación de nadal da concellería de cultura

23, Novembro 2017

Do 3 de decembro ao 27 de xaneiro, desenvolveranse no Carballiño máis de trinta eventos e actividades culturais, organizados polas concellerías de Cultura e Deportes, en colaboración con diversas entidades locais e organismos autonómicos, como a Praza de Abastos, o Cine Club, o Casino, as Corais do Orfeón e do Casino, a Escola de Gaitas, Agadic, Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación Provincial, MoitaMerda Promocións, R e outras. Monólogos, teatro infantil e de adultos, cine, eventos deportivos, concertos, un gran musical e distintos obradoiros sucederanse nestes dous meses.

O programa foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que anunciou o encendido da iluminación artística do Nadal na tarde do martes, 5 de decembro, e explicou que se primaban as actividades infantís e familiares, pero tamén as de adultos e maiores, conformando un abano de posibilidades de lecer moi suxestivo.

Entre os eventos máis destacados figuran os monólogos de Miguel Lago (sábado, 3 de decembro, ás 20,00 h.) e El Sevilla (sábado, 13 de xaneiro, ás 20,00 h.); o musical La Bella y La Bestia (sábado, 28 de decembro, ás 17,00 h,); os espectáculos infantís O conto da Azuzaina, pola compañía Limiar Teatro (domingo, 17 de decembro, ás 12,00 h.), A Nena que quería navegar, pola Compañía Redrum Producións (sábado, 23 de decembro, ás 12,00 h.), Rockenstein, pola Compañía Malasombra Teatro (sábado, 27 de xaneiro, ás 18,00 h.), e os espectáculos infantís gratuitos: Paxaro amigo: Músicas para a paz, concerto de Mamá Cabra, patrocinado por “R” (sábado, 30 de decembro, ás 19,00 h.) e Compañía Os Bolechas con “Un conto de Nadal” (sábado, 6 de xaneiro, ás 18,30 h.).

No teatro para adultos destacan as obras: Raclete, pola Compañía Ibuprofeno Teatro (sábado, 9 de decembro, ás 21,00 h.), e El Amaor de don Perlimplin con Belisa en su jardín, de García Lorca, a cargo da Compañía Teatro del Norte (sábado, 16 de decembro, ás 20,30 h.).

En cine proxectaranse as películas El espíritu de la Colmena (luns, 4 de decembro, ás 20,00 h.), El otro lado de la esperanza (venres, 1 de decembro, ás 20,00 e 22,30 h.), Sieranevada (venres, 8 de decembro, ás 20,00 e 22,30 h.) e La tortuga roja (venres, 15 de decembro, ás 20,00 e 22,30 h.).

Os concertos máis destacados son: Concerto de Nadal, pola Coral Polifónica Casino do Carballiño e a Banda de Vilatuxe (Templo da Vera Cruz, sábado 16 de decembro ás 19,30 h.); Concerto de Nadal, polo Orfeón do Carballiño (Templo da Vera Cruz, 25 de decembro, ás 18,00 h.); Concerto Fin de Ano, pola Coral do Casino (Casino, venres, 29 de decembro, ás 20,30 h.); Concerto de Reis, pola Coral do Casino (Templo da Vera Cruz, sábado, 6 de xaneiro, ás 18,30 h.). Asemade, na Praza de Abastos haberá os seguintes concertos de música tradicional: Grupo Fetiche de Pau (sábado, 16 de decembro, ás 11,00 h.); e o Grupo Anda Soa (sábado, 3 de decembro, ás 12,00 h.).

A visita de Papé Noel será o sábado, 23 de decembro, ás 18,00 h., na Praza do Emigrante, con carroza e chocolatada gratuita por Aspadisi. E a Cabalgata de Reis será o venres, 5 de xaneiro, ás 18,00 h., con música en directo e sorpresas.

Os eventos deportivos máis destacados son: 9ª Carreira Solidaria do Arenteiro (domingo, 10 de decembro, ás 11,00 h.) e Gala de Nadal das Escolas Municipais de Patinaxe Artístico, organizada polo Club Ahede (xoves, 21 de decembro, ás 20,00 h., no pavillón Paco Chao).

Os obradoiros e charlas son: “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, a cargo do filólogo Vicente Feijoo (martes, 5 de decembro, ás 20,00 h., no salón de plenos do concello); charla Emprende Xuventude (2 e 23 de decembro, de 10,30 a 13,00 h., no salón de plenos); Obradoiros de Minecraf Nadal, orgnizado por 123/AD (ICC Kids Ourense), que se desenvolverán os días 26, 27, 28 e 29 de decembro, e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, na aula Cemit do concello.

Finalmente, a Exposición de Pintura Comarcas O Carballiño-O Ribeiro, organizada polo Centro de Estudios Chamoso Lamas, desenvolverase do 15 de decembro ao 15 de xaneiro, en horario de 18,00 a 21,00 h., na sala de exposicións do auditorio.

A concellería de Cultura editará uns trípticos coa programación completa de Nadal, que será distribuída polos locais comerciais e hostaleiros e á veciñanza.