Máis de cen músicos no concerto fin de ano da Real Banda da Deputación no Templo da Veracruz

27, Decembro 2016

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense despide ano co seu Concerto de Fin de Ano, que terá lugar no templo da Veracruz do Carballiño, o vindeiro venres, 30 de decembro, ás 20.30 horas.

A presentación deste evento cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a deputada provincial, Teresa Cerdeira; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e o párroco da Veracruz, José Benito Sieiro.

Rosendo Fernández destacou "o importante labor que realiza a Real Banda de Gaitas da Deputación na defensa das tradicións, pois é unha gran embaixadora da cultura de Ourense e de Galicia". Así mesmo, sinalou que a Real Banda de Gaitas recibiu este ano o premio nacional "Excelentia á cultura", "un galardón que recoñece os trinta anos de traxectoria da agrupación que durante este tempo levou o nome de Ourense e de Galicia e a nosa cultura e tradición musical aló por onde foi".

Xosé Lois Foxo explicou que este concerto é "o resumo do noso traballo durante este ano e tamén ten como obxectivo honrar nesta ocasión a Aurora Dapía Domínguez e Elpidio Justo Salgado, quen mantiveron durante 80 anos a tradición musical e son o paradigma dos músicos populares que transmiten ese saber". O concerto celébrase tamén en memoria de Arturo Vázquez González, gaiteiro de Vilamoure-Freás (Punxín). "A súa viúva recollerá a medalla coa que a Real Banda honra aos músicos populares", dixo Foxo.

No concerto deste ano, a Real Banda de Gaitas interpretará unha obra de Ángel Custodio Santaballa, mestre da catedral de Mondoñedo, de finais do século XVIII; unha peza musical litúrxica creada nas catedrais de Galicia que recrearemos ese día con músicos e cantores", explicou Xosé Lois Foxo.

Ademais da Real Banda, no concerto tamén actuarán Coral Polifónica do Casino do Carballiño e a Banda de Gaitas do Carballiño.

En total, cos compoñentes de todas as agrupacións, participarán máis de cen músicos, que encherán de música, cultura e tradición, o templo da Veracruz.