Máis dun cento de persoas recrearán esta fin de semana "1809 A Batalla de Pazos de Arenteiro"

10, Xullo 2024

Pazos de Arenteiro celebra esta fin de semana unha cita festiva que lembra o acontecemento histórico que enfrontou aos galegos liderados por Cachamuíña contra o exército de Napoleón, e que xa suma cinco edicións.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, remarcou a dedicación e esforzo dos organizadores para levar a cabo unha cita que “xa é unha referencia entre as festas históricas ourensás e galegas, precisando que é única polo componente do realismo que ofrecen as escenificacións con arma de avancarga que dispara pólvora”

Máis dun cento de veciños de Boborás e participantes procedentes de localidades de toda España recrearán esta fin de semana un dos acontecementos máis singulares da historia da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón.

A Deputación de Ourense e o Concello de Boborás colaboran con esta festa histórica, organizada pola Asociación Cultural A Batalla 1809, e na que os veciños de Boborás convidan aos visitantes a unha viaxe no tempo para coñecer durante dous días -sábado 13 e domingo 14 de xullo- en Pazos de Arenteiro os costumes, a gastronomía e o modo de vida daquela época, nunha ampla programación que culminará ás 13,30 horas do domingo coa batalla na ponte.

O vicepresidente segundo, César Fernández, participou esta mañá na sala de prensa do Centro Cultura “Marcos Valcárcel” na presentación do evento xunto á alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e a representante da Asociación Cultural A Batalla 1809, Elvira Santiago. César Fernández definiu “1809 A Batalla” como “un evento xa fundamental no calendario da provincia”, antes de recoñecer o “excelente traballo” da organización e do concello para desenvolver unha festa “á que sen dúbida merece a pena asistir e desfrutar”.

Pola súa banda, Patricia Torres incidiu en convidar á xente a que veña “xa que A Batalla 1809 é unha festa totalmente diferente as outras, onde nos despertamos tal cual en 1809 e vivimos cada acontemento como se estivese ocurrindo de verdade, o que fai que o realismo sexa incrible, sumado a presencia de disparos e pólvora”, todo coas medidas de seguridade pertinentes.

“Ë moi emocionante todo”, explica. Elvira Santiago agradeceu a colaboración institucional, o traballo de todos os voluntarios e dos propios veciños de Pazos de Arenteiro para organizar unha cita “moi interesante e que se renova ano a ano, implementando novas actividades baixo o respecto ao espírito dunha festa que permite ver en directo a recreación desta batalla histórica, e que ademáis foise perfeccionando cos anos.

O programa de actividades da cuarta edición da festa “1809 A Batalla” inclúe ao longo do sábado 13 e domingo 14 de xullo visitas guiadas ao campamento francés e a Pazos de Arenteiro, música tradicional, concertos, exhibición de esgrima histórica, gastronomía, mercado, esceas teatralizadas…. A festa "1809 A Batalla" é un evento cultural no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos liderados polo capitán Cachamuíña e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz, aos que os galegos derrotaron.

Os fitos históricos serán representados ao longo do fin de semana por voluntarios de todo Boborás xunto a participantes doutros puntos de Ourense e doutros puntos da xeografía española, que se unen á celebración e vístense de combatentes dos dous bandos durante eses dous días.