A Mancomunidade Turística completou os traballos de conservación nas pontes medievais de Ponterriza, Brués e San Clodio

20, Setembro 2018

A ponte medieval de San Clodio, ubicada no concello de Leiro, xa ofrece a mellor imaxe e pode verse na súa totalidade tras a exhaustiva limpeza promovida pola mancomunidade Turística Terras do Avia, que integra aos concellos do Carballiño, Leiro, Boborás e Ribadavia, e levada a cabo por especialistas baixo a supervisión do arqueólogo Jorge Lamas Bértolo.

Despois dunha semana de intenso traballo, coa retirada de diversos tipos de árbores e prantas, algúns dos cales incluso estaban incrustados nas pedras, poñendo en perigo a integridade da ponte, e dunha limpeza minuciosa con cepillos para eliminar musgos e líquenes, esta ponte, que data de finais do século XV (1496-1498), e que é a máis imponente da comarca, volve a amosar os detalles que a caracterizan, como os magníficos sillares e arcos, unha imaxe de San Marcos que se atopa no arco central, e as marcas dos canteiros.

O arqueólogo Jorge Lamas asegura que a situación na que se atopaba esta ponte desde habia tempo era moi delicada, pois había bidueiros, amieiros e acacias incrustados na pedra, semellando ser unha selva. De feito, según dixo, levou tres días retirar toda esta maraña vexetal, e os catro días seguintes foron para limpar a pedra. A ponte de San Clodio sobre o río Avia, é monumento nacional dende o ano 1981. Ten unha lonxitude de 90 metros, e o arco central.chega ata os 19 metros de luz.

Tras esta limpeza, á que so lle resta un lavado con auga, procederase á limpeza das pontes medievais de Castro Cavadoso, situada no río Arenteiro, na linde dos concellos de Boborás e O Carballiño, e a de Prexigueiro, en Ribadavia. Estas pontes completan, coas de Ponterriza e Brués, xa limpadas, o programa promovido pola mancomunidade turística e que conta cunha subvención de Turismo de Galicia.