A masidá Mª Jesús Rodríguez Gulías, ex-alumna do IES nº 1 do Carballiño, obtén o premio á mellor tese doutoral de España sobre emprendemento e creación de empresas

26, Novembro 2015

A masidá Mª Jesús Rodríguez Gulías, ex-alumna do IES Nº1 do Carballiño obtivo o Premio á Mellor Tese Doutoral sobre emprendemento e creación de empresas dirixidos a teses en todas as Universidades españolas. O título do seu traballo é: El origen universitario como determinante del resultado empresarial de las spin-offs española: Análisis de la supervivencia, crecimiento e innovación.

O galardón insírese no premios “CEUSAL 2015” outorgados pola Cátedra de Emprendedores da Universidade de Salamanca (CEUSAL) cos que se recoñecen os mellores traballos de fin de grao, mellores traballos de fin de máster e a mellor tese doutoral sobre emprendemento. A dotación económica do premio é de 2.500 euros.

Os resultados da investigación de Rodríguez Gulías, baixo a dirección da profesora Sara Fernández e do profesor David Rodeiro do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da USC, recomendaban apoiar a creación e desenvolvemento das spin-off universitarias xa que “ contribúen ao desenvolvemento económico e social da súa contorna mediante a creación de riqueza e de emprego e dinamizando a innovación”. Segundo este traballo de investigación, estas fórmulas empresariais atopan maiores dificultades que outras empresas para sobrevivir.

A tese obtivo a comezos de 2014 a máxima cualificación, sobresaliente cum laude, outorgada por un tribunal que presidiu Arturo Rodríguez Castellanos (Universidade do País Vasco) e que integraban Alfonso Rodríguez Sandiás (USC), Loreto Fernández (USC), Nuria Begoña Calvo Babío (Universidade da Coruña) e Alberto Vaquero García (Universidade de Vigo).

Actividades contra a violencia de xénero no IES nº 1

O IES Nº1 do Carballiño está a levar a cabo unha serie de iniciativas con motivo do Día Internacional contra a Violencia cara as mulleres. A primeira actividade foi a publicación dos datos das vítimas por violencia de xénero deste ano.  O obxectivo é  sacalas do anonimato, da fría estatística numérica e visibilizar a todas e cada unha delas, para que se teña en conta que cada cifra agocha un nome, unha vida, unha familia, un agresor. Para iso colocáronse os datos tomados da Plataforma cordobesa contra la violencia a las mujeres na entrada do centro, para que os números non impidan ver a realidade.

Convocouse ademais un Concurso de tuits contra a violencia de xénero, coa finalidade de que o alumnado participe activamente en xerar mensaxes que sirvan para previr ou denunciar eses comportamentos, utilizando a rede social Twitter. Por último propuxéronse unha serie de ferramentas para traballar o tema nas titorías ou nalgunha outra materia: documentais sobre o tema, cancións e outras actividades moi diversas que inclúen tamén aplicacións para smarphone nas que se pode comprobar se as relacións amorosas son saudables.