Maside, Dacón e San Amaro copan os primeiros premios do gran desfile do carnaval carballiñés

28, Febreiro 2017
imaxes: 

As choivas deron unha tregua para que arredor de mil persoas -agrupadas en quince formacións- participaran no gran desfile do carnaval, celebrado este martes de entroido polas rúas máis céntricas do Carballiño

En medio dunha gran expectación na Praza Maior o xurado deu a coñecer o seu fallo, que outorgou o primeiro premio do concurso convocado pola concellería de cultura á comparsa dos Azucarados de Maside.

O segundo premio tamén correspondeu a outra agrupación do municipio de Maside, neste caso á integrada pola veciñanza do pobo de Dacón, mentres que o terceiro premio correspondeu ao "Sol e as Superlúas" da asociación cultural "O Castro de San Amaro", esta formación foi a gañadora do desfile do carnaval da cidade de Ourense celebrado este pasado domingo.

O cuarto e quinto premio foron este ano para dúas agrupacións chegadas dende a provincia de Pontevedra, o cuarto para a agrupación da localidade de Crecente, que outro ano máis participou no desfile carballiñés, mentres que o quinto premio foi para "os cen tolos", unha comparsa chegada dende a localidade de Poio.

Finalmente, o sexto premio quedouse no Carballiño, e foi para a comparsa da Anpa do colexio da Uceira.

A concellería de cultura do concello carballiñés repartíu este ano 5.300 euros en premios, ademáis recibiron accesíts as comparsas non premidas participantes neste gran desfile do carnaval carballiñés, presenciado por numeroso público -varios miles de persoas- nas rúas carballiñesas.