Maside inaugura "Ruta do Románico" e novo parque infantil na Alameda

27, Novembro 2020

O Delegado Territorial da Xunta, Gabriel Alén e o alcalde masidao José Manuel Iglesias supervisaron as actuacións que veñen de levarse a cabo no municipio, financiadas por medio de distintas achegas económicas da adiministración autonómica, que completou con fondos propios o concello de Maside. 

Dunha parte, a sinalización da Ruta do Románico "Terras de Maside", que ofrece aos amantes do románico a oportunidade de achegarse as xoias románicas que ten o municipio, como son as igrexas de Santo Tomé Vello (tamén o cemiterio merece unha visita), asi como Santa Comba do Trevoedo, Louredo, Garabás ou a capela de San Mamede de Rañestres. Tamén forman parte desta ruta do románico masidao os restos das torres do Pazo de Santa Comba de Trevoedo e Mundiín, ésta última foi no seu tempo celeiro do Mosteiro de Oseira. Ademáis da sinalización, tamén se editou un díptico, e na páxina Web do concello poden encontrarse as coordenadas de cada monumento.

Doutra parte, delegado e alcalde visitaron as melloras efectuadas na zona da Alameda, na propia vila de Maside, incluida a reforma do parque infantil, que agora ofrece novos elementos de xogo para os cativos, entre eles unha tirolina.