"A matanza do porco", protagonista dunha nova ruta das tapas na hostelería carballiñesa

29, Novembro 2016

O evento foi presentado esta mediodía nun acto ao que asistiron os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Diego Fenández e Rosario González, respectivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a xerente da bodega Pazo Tizón, e representantes dos establecementos hostaleiros que están integrados nesta iniciativa.

Tosta en rolo rechea de productos da matanza, carrilleiras de porco en salsa, brocheta moruna con patacas panadeiras e bocadillo de papada de porco con queixo parmesano, son algunhas das tapas que se amosaron hoxe e que serán servidas o próximo venres, a partir das 8 da tarde, nos 21 mesóns, bares e restaurantes que participan na Ruta das Tapas.

Tanto Diego Fernández como Rosario González animaron aos carballiñeses e visitantes e percorrer a ruta e degustar estas tapas ao prezo de 2 euros que, ademáis, ofrece a posibilidade de participar nos concursos que se celebrarán ao final da tempada con 2.000 euros en premios.

As representantes do Centro Comercial Aberto, de Pazo Tizón e dos hostaleiros tamén convidaron á participación e expresaron o seu convecemento de que a xornada será un éxito, pois os productos do porco ofrecen neste tempo infinitas posibilidades de preparación gastronómica, que atraerán o interese da clientela.

Neste sentido, o éxito acadado o pasado ano fai augurar unha gran afluencia nesta xornada.

Tamén se anunciou a realización dunha nova xornada de tapas na terceira semana de decembro, pero neste caso adicada ao marisco. Esta Ruta desenvolverase o venres, 16 de decembro.