Matar por matar non, contacta co Embaixador de México para denunciar a situación precaria da canceira municipal
(Redacción. Belén González) A asociación ecoloxista Matar por matar NON púxose en contacto co embaixador mexicano en Madrid para informalo da situación e do trato que están a recibir os cans acollidos na canceira municipal. Matar por matar NON pon ó tanto ó Embaixador de México sobre a situación tan deficiente na que se acha a canceira e invitao a que a visite co gallo da Festa do Pulpo o vindeiro 9 de agosto. Con esta iniciativa, a asociación busca que o embaixador interceda para mellorar as condicións de vida dos cans da Medela. Tamén denuncia o malgasto que a corporación municipal está a facer dos cartos públicos e di que "non dispoñemos dos fondos necesarios para ir persoalmente á capital acompañando ó nutrido grupo de políticos que alí se desprazou con fondos públicos". Con isto, a asociación pretende dar a coñecer a tódolos visitantes a realidade de O Carballiño; unha realidade que se agocha tras as festas e concursos de bebidas alcohólicas. Ademáis, Matar por matar NON vai remitir esta información a tódolos medios de comunicación mexicanos para que coñezan "a tráxica situación destes animais e as cuestións pendentes de aclarar como son a morte e maltrato de cansa na Medela, os atrasos sobre a creación dunha fundación, a negativa a iniciar a comisión de investigación, a apertura ó público das instalacións, a aclaración das mortes violentas de cans, a falta de medios para alimentalos adecuadamente, o uso que se deu ós fondos concedidos para mellorar a canceira, etc."