Medio Ambiente financia obras na vila de Leiro por importe de 220.000 euros

19, Abril 2016

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello de Leiro para acondicionar a rúa Padre Eiján.

En concreto, o Goberno galego achegará preto de 200.000 euros para financiar esta actuación, que se inscribe no Plan hurbe. Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco José Fernández.

Esta iniciativa vai permitir realizar “unha mellora efectiva dun espazo importante para a vida cotiá” dos veciños e veciñas de Leiro, explicou Mato. A rúa Padre Eiján está situada no corazón do núcleo urbano do concello, e une a rúa Gabino Bugallal –a principal vía da localidade- co paseo fluvial do río Avia. A principal actuación que se vai realizar ao abeiro do convenio será a mellora dos accesos á rúa, tanto peonís como rodados.

Para conseguilo, as obras contemplan a execución dun novo pavimento mellorado (de formigón acabado a cepillo e lousado de granito moreno); a ampliación e mellora do alumeado actual; e a renovación das infraestruturas básicas, separando as redes de saneamento e pluviais.

“En definitiva”, concluíu Mato, “o convenio que hoxe asinamos vai contribuír á rexeneración urbanística dun importante espazo público do concello e, polo tanto, vai contribuír directamente á calidade de vida dos veciños e veciñas”. Trátase da segunda actuación que se executa en Leiro ao abeiro do plan hurbe. En 2010 levouse a cabo o acondicionamento de dous tramos nas rúas Prado e Emilio Hermida, cun orzamento de preto de 45.000 euros. Deste xeito, o investimento do plan hurbe no concello ascende en total a case 250.000 euros.

Con todo, Mato precisou que esta non é a única colaboración prevista co concello. O departamento tamén vai destinar, a través de Augas de Galicia, un total de 20.000 euros para financiar a redacción do proxecto de construción dunha nova pasarela sobre o río Avia. Esta nova pasarela vai permitir volver conectar os 6 quilómetros de paseo polas ribeiras deste río.