Medio Rural abre o prazo electoral para a renovación dos órganos de goberno da Denominación de Orixe Ribeiro e a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.

25, Decembro 2022

Dende o pasado dia 23 deste mes de decembro abríuse a presentación de candidaturas no marco do proceso de renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, tutelado pola Consellería do Medio Rural, entre os que se encontran os Consellos Reguladores da Denominación de Orixe Protexida do Ribeiro e a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea. No ámbito intercomarcal O Carballiño-Ribeiro tamén se inclúe á Indicación Xeográfica Protexida Pemento da Arnoia.

Poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador ata o 5 de xaneiro, ambos días inclusive, tal e como se recolle na orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 10 de novembro, pola que se convocaron as eleccións e se ditaron as normas pertinentes.

Segundo o previsto no calendario establecido, o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a proclamación definitiva das candidaturas presentadas. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos eventuais recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221110/AnuncioG0426-261022-0...