Medio Rural e concello de Leiro colaboran para a posta en marcha dun proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de 100 hectáreas

1, Marzo 2021

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Leiro colaborarán na posta en marcha dun proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de 100 hectáreas neste municipio do Ribeiro, ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente a debate no Parlamento galego.

Esta norma desenvolverá e reforzará este tipo de ferramentas de posta en valor da terra, xunto coas aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, entre outras, co obxectivo xeral de recuperar terras en desuso ou infrautilizadas, para poñelas en produción. Así mesmo, con estes instrumentos procúrase unha efectiva anticipación aos incendios forestais, mediante o aproveitamento agrogandeiro ou forestal dos predios.

Estas ferramentas céntranse en potenciar estes tres usos do chan, segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. Así, no caso concreto de Leiro, trátase de aproveitar a súa vocación vitivinícola e o seu emprazamento, dentro da denominación de orixe Ribeiro, para agrupar terreos co fin de mellorar a súa xestión e a súa produtividade.

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, para concretar os detalles desta iniciativa e para coñecer e avaliar esta e outras posibilidades de impulso ao agro neste municipio ribeirán. Ambos coincidiron en destacar o potencial que teñen os terreos de cultivo neste concello, especialmente pola súa tradición vinculada á produción de viño amparado pola denominación de orixe máis antiga de Galicia.