"Mercar no teu comercio ten premio", a campaña de promoción da Xunta repartirá 1000 euros en premios no comercio carballiñés

7, Setembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou a campaña Mercar no teu comercio ten premio, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Federación de Comercio de Ourense, asociacións de comerciantes locais e os concellos do Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives, Xinzo de Limia, Ribadavia, Verín, O Carballiño, Allariz, Castro Caldelas e Maceda.

O delegado territorial explicou que esta é a segunda edición desta campaña, que busca reactivar o consumo e achegar ao consumidor os establecementos locais, poñendo en valor o comercio de proximidade ourensán. En cada unha destas vilas levaranse a cabo campañas dunha semana de duración. Os tickets das compras realizadas durante ese tempo poderán canxearse o día final da campaña por boletos para participar nun sorteo en directo de premios. En total, serán 1.000 euros por localidade, en forma de tarxetas prepago para volver mercar, co que repercutirán de novo no comercio minorista local.

Realizaranse tamén diferentes iniciativas de animación para completar a campaña. Mercar no teu comercio ten premio está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, e a Federación Galega de Comercio; coa colaboración de Abanca, as federacións provinciais de comercio e distintas asociacións de comerciantes de toda Galicia. Enmárcase dentro do impulso da Administración autonómica do tecido asociativo do sector, con especial atención a diferentes iniciativas de dinamización.