Miguel García e Manuel Villanueva presentan “O tempo que nos une”, un libro de consulta sobre a climatoloxía do Carballiño entre 1984 e 2024

O Concello do Carballiño vén de editar o libro “O tempo que nos une. Un retrato do clima local”, escrito por Miguel García, Premio Nacional de Meteoroloxía en 2018, colaborador de AEMET desde 1984 e profesor de Física xubilado, e Manuel Villanueva, mestre e docente de Xeografía e Historia tamén retirado. Os autores analizan os principais datos climatolóxicos recollidos na estación meteorolóxica automática do Carballiño entre 1984 e 2024, tales como temperatura, vento, humidade, presión, insolación ou evaporación, entre outros.
“Estamos moi orgullosos de presentar esta obra, unha ferramenta importante para a ciencia e tamén para a vila para achegarnos ao mundo da climatoloxía e coñecer datos moi útiles en iniciativas do ámbito privado como deseño de plantacións ou propostas agrarias e forestais”, apuntou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación do libro. O edil puxo en valor o esforzo e dedicación dos dous carballiñeses na recollida e análise de datos e na elaboración do volume, no que tamén colabora o Centro de Estudos Chamoso Lamas.
A obra é un libro de consulta no que se analizan e ordenan os datos recollidos por Miguel García desde 1984. “Eu xa tiña esta idea de publicar un libro hai moitos anos, cando levaba 20 anos coa estación meteorolóxica, pero canto máis avanzaba máis tiña a necesidade de ter máis datos para ver a evolución climática da comarca”, apuntou García. En 2024, propúxolle a idea a Manuel Villanueva, docente de Xeografía e Historia e apaixonado pola climatoloxía. “E entre os dous sacamos este libro de máis de 200 páxinas”, engadiu García.
O volume consta de tres partes, tal e como detallou Villanueva. “A primeira inclúe conceptos básicos da climatoloxía, na segunda están os datos principais do clima e a terceira refírese á fenoloxía, é dicir, á importancia do clima nos ciclos vitais de plantas e animais”, explicou.
Os autores tamén inclúen no libro a dirección da páxina web do Centro de Estudos Chamoso Lamas, onde os lectores poden consultar os datos que rexistra a estación meteorolóxica cada 10 minutos.
Presentación para público xeral
O próximo sábado, día 21 de marzo, ás 12,00 horas, o salón de plenos da Casa Consistorial acolle a presentación do libro, aberta ao público xeral. “Convidamos á poboación a achegarse, van estar os dous autores respondendo dúbidas e conversando cos asistentes”, sinala Diego Fernández.
No acto haberá exemplares dispoñibles para compra e consulta. “De todos modos, o libro tamén vai estar dispoñible en formato dixital de balde”, apuntou o edil.