A ministra García Tejerina en Oseira "o que vivimos en Galicia esta fin de semana non pode volver repetirse"

17, Outubro 2017

A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, visitou esta mañá a parroquia de Oseira, no municipio de San Cristovo de Cea, nunha das zonas máis castigadas pola vaga de lumes dos últimos dias.

Tras unirse á dor das familias e amigos das persoas falecidas a consecuencia do lume e en declaracións aos medios, García Tejerina subliñou que "o que vivimos en Galicia esta fin de semana non pode volverse a repetir".

A ministra puntualizou que vivimos nunha sociedade moi concienciada, que se mostra intolerante con moitos delitos, e "creo que nos temos que facer absolutamente intolerantes cos incendiarios, porque o dano que fixeron é irreparable".

Así mesmo, García Tejerina sinalou que España ten un dos mellores dispositivos contra incendios a nivel mundial,"pero os dispositivos están para apagar incendios, non están preparados para os incendiarios". Segundo recalcou, "avanzaremos moito na loita contra os incendios en España o día en que a sociedade rexeite frontalmente aos incendiarios".

Para que isto non volva suceder, a ministra pediu a colaboración de todos os cidadáns, para evitar as neglixencias e os descoidos, "pero tamén é moi importante a súa axuda para que non queden impunes aquelas persoas que tanto dano causaron".

Neste contexto, García Tejerina lembrou que na pasada Lexislatura reforzáronse as leis para endurecer as penas contra os incendiarios, que "son conscientes do que fan, non é casualidade que máis da terceira parte dos incendios ocorridos en Galicia nos últimos días prodúcense nunhas horas nas que son moi difíciles os labores de extinción", dixo.

Por tanto, a ministra insistiu na necesidade de contar coa colaboración cidadá, e lograr "unha intolerancia total en contra dos incendiarios". Segundo reiterou, contamos cun dispositivo prorrogado, tanto desde a Xunta como do Ministerio, que triplicou a capacidade de descarga de auga nestas datas "pero estamos preparados para extinguir incendios, e outra cousa é ter un dispositivo para combater a xente que sabe como, de que maneira e en que momento actuar para causar danos irreparables".

Por outra banda, García Tejerina asegurou que non hai ningunha motivación económica detrás dos incendios, porque "non hai incendios para recualificacións nin recualificacións por incendios". Na actualidade, o mercado da madeira está moi controlado, cunha trazabilidade a nivel europeo para evitar a venda de madeira ilegal. Por tanto, "cometeriamos un erro se pensamos que hai intereses económicos detrás dos incendios".