Mudelos acolle este próximo domingo a Festa das Parroquias do Carballiño

30, Maio 2018

A XXVI Festa das Parroquias celebrarase en Mudelos o domingo 3 de xuño.

É a segunda vez que esta parroquia carballiñesa organiza a festa, pois xa o fixera hai doce anos. O programa comezará ás 11 da mañá con pasarrúas polas aldeas a cargo do grupo de gaitas Chimpafigos, de Cabeza de Vaca.

Ás 12 terá lugar a misa na igrexa parroquial de Mudelos, e ás 13,00 h., haberá o tradicional concerto da Banda Escola de Música do Carballiño. Coma sempre, o xantar será ás 14,00 h., e consistirá en empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño e café.

O prezo de menú é de 18€, igual que o pasado ano cando se tivera que subir un chisco polo incremento do prezo do pulpo. A partir das 5 da tarde comezarán os xogos e a animación musical. Haberá campionato de subastado e brisca (equipos de catro), con trofeos para campións e subcampións.

Tamén haberá xogos populares, como zancos, aros, a ra, chave e pentanca. E, por suposto, procederase a entrega do ramo á asociación que se vaia a encargar da organización da festa do 2019. O dúo musical formado por Pachi e Monse será o encargado de amenizar o baile.