Multitudinaria despedida por parte da veciñanza e personalidades políticas ao alcalde do Irixo

4, Agosto 2019

Manuel Penedo Paradela ( O Irixo 1959) recibía na mañá deste domingo o último adeus, por parte de centos de persoas que se achegaron ata a casa do concello do Irixo para acompañar á familia nestes duros momentos, tras o pasamento do alcalde do Irixo, que gobernou nos últimos 32 anos.

Ante a gran cantidade de persoas que acudiron a despedir ao alcalde, optouse por celebrar o funeral na Praza do Concello do Irixo, abarratoda de veciños e veciñas chegadas dende todas as parroquias do municipio. Dende hora e media antes de comezar as honras fúnebres as estradas e rúas das Laxas e A Ponte estaban ateigadas de turismos, e a Garda Civil de Tráfico desviou aos que chegaban a útlima hora a estacionar nas aforas da localidade.

Polo velorio instalado no salón de plenos do consistorio, pasaron durante estes dous últimos dias personalidades do mundo político comarcal, provincial e autonómico, entre éstas o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que achegaron as súas condolencias á familia e achegados.

Ademáis, ao funeral desta mañá de domingo, entre outros asistiron os alcades do Carballiño, Maside, Punxín, San Cristovo de Cea, Beariz, Beade ou Lalín, asi como numerosos concelleiros da comarca do Carballiño, e outros históricos da política comarcal, como o nacionalista Chema Ferreiro, Argimiro Marnotes, ou o actúal presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices, asi como o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, que acudíu acompañado do seu pai José Luis Baltar.

Sen dúbida, unha multitudinaria despedida a un alcalde que durante 32 anos contou co apoio da súa veciñanza para gobernar O Irixo ata o día do seu pasamento.