Música, teatro, deporte, cine e actividades infantís, na programación de nadal do concello carballiñés

30, Novembro 2016

Unha pista de patinaxe, que se instala na Praza do Emigrante, abrirá este venres o programa cultural, deportivo e lúdico do Nadal 2016. Esta pista de material sintético permanecerá aberta do 2 ao 11 de decembro, en horario de 11 a 14 h, e de 16 a 21 h.

Esta instalación para o divertimento dos nenos e mozos marca o inicio do programa de Nadal que foi presentado esta mañá polos concelleiros de Cultura, Diego Fernández, e Xosé Manuel Dacal, concelleiro de Deportes e Turismo. Concertos, monólogos, teatro infantil e de adultos, cine, exposicións, atletismo e rutas de tapas, ademáis dos eventos propios do Nadal, como a visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis, completan un longo programa de actos que se desenvolverán do 2 de decembro ao 14 de xaneiro.

O alumeado artístico das rúas e prazas encenderase o próximo luns, 5 de decembro, nun acto que está previsto para as 20,30 h., na Praza Maior.

E a partir dese día sucederanse uns trinta eventos dirixidos a todos os públicos, nenos, mozos, adultos e maiores, conxugando unha programación de interese maioritariamente familiar, según dixo Diego Fernández, que asegurou que se trataba dun programa moi por riba da cantidade e calidade de actos que ofrecen outras vilas semellantes ao Carballiño. Neste sentido, destacou os monólogos, o concerto de DJ e o teatro como espectáculos de ámbito estatal, que non son habituais fóra das capitais e cidades.

Así, o día 10 de decembro terán lugar dous espectáculos destacados no auditorio municipal. Trátase da obra para público infantil e familiar “Cuento de Navidad”, que terá lugar ás 5 da tarde. E ás 9 da noite, o monólogo “De cañas con… Enrique San Francisco”, un dos actores e humoristas máis recoñecidos do panorama español. O seguinte monólogo será o sábado 14 de xaneiro, co coñecido cómico galego Touriñán.

Entre os concertos destaca o que terá lugar na discoteca Isis Pharia o venres, 23 de decembro, ás 22,30 h., que traerá a DASOUL con Dani Romero, ademáis de DJ Stewe Gómez, The Prieto Brothers e Groove Amigos. Asemade, recoméndase a sesión de baile da Discoteca Paulino do 25 de decembro, coas orquestras Olympus e Ritmo Jóven. Tamén se fai mención especial do II Festival de Canto de Taberna “No bico un cantar”, que se celebrará o sábado, 7 de xaneiro, nos locais de hostalería, e, por suposto, toda unha serie de concertos vencellados coa música tradicional do Nadal, coa intervención da Real Banda de Gaitas de Ourense, a banda de música de Vilatuxe, o Orfeón, a Coral do Casino e os alumnos do Conservatorio.

O programa é o seguinte:

CONCERTO DE PANXOLIÑAS. Organiza a Coral Coral Polifónica do Casino do Carballiño. Coral do Casino e Banda de Música de Vilatuxe. Sábado, 17 de decemnbro, 10 da noite no Casino.

CONCERTO DE NADAL. Conservatorio Profesional de Música. Martes, 20 de decembro, 8 da tarde, no auditorio.

CONCERTO DE NADAL. Coral Polifónica do Casino. 25 de decembro, 6 da tarde, no templo da Veracruz.

CONCERTO FIN DE ANO. Real Banda de Ourense e Coral do Casino. Venres, 30 de decembro, 20,30 h.,no templo da Veracruz.

CONCERTO DE REIS. Orfeón do Carballiño. Venres, 6 de Janeiro, ás 6 da tarde no templo da Veracruz.

No apartado teatral destacan dous eventos: A compañía asturiana Teatro del Norte representará no auditorio o 17 de decembro, ás 20,30 h., a obra “Elektra”, e a compañía Teatro Chévere, que dirixe Miguel de Lira, traerá ao auditorio o venres, 23 de decembro, ás 9 da noite a obra “Eroski Paraíso”. E no teatro infantil, ademáis de “Cuento de Navidad”, o venres 30 de decembro, ás 6 da tarde, no auditorio, terá lugar a obra musical “O mundo máxico de Pinocho”, pola compañía Teatro Educateatro Producións.

Asemade, do 26 ao 29 de decembro, celebraranse unhas Xornadas de Animación á Lectura en Galego, así como obradoiros infantís de Nadal, na Biblioteca Municipal, para nenos e nenas de 6 a 11 anos, co horario de 11 a 13 horas.

Tamén para os nenos e público familiar, o Cine Club Carballiño proxectará os días 26, 27, 28 e 29 de decembro catro películas no auditorio, ás 6 da tarde: Capitán América: civil war; Pánico en la granja; Alicia frente al espejo e Zootrópolis.

A carteleira cinematográfica tamén ofrece a proxección da película “Os días afogados”, dentro do ciclo Cinemas de Galicia. Será o venres, 16 de decembro, ás 22,30 h.

O programa de Nadal inclúe dúas exposicións: Unha exposición de fotografía de Abanca. OFICIOS ENTRE LUSCO E FUSCO. Un proxecto fotográfico de Xosé Abad. Do 15 de decembro ao 14 de Janeiro no concello. E unha exposición da Fundación “María José Jove”, que leva por título “MIRAR CON-TACTO”. Arte por discapacidade visual. Do 15 de decembro ao 22 de Janeiro, de 11 a 13 horas na sala de exposicións do auditorio.

No eido deportivo, destaca a Carreira Solidaria que se desenvolverá o domingo 18 de decembro ás 11 horas.

Finalmente, haberá tres rutas de tapas. A primeira, este venres, 2 de decembro, cos productos da matanza como protagonistas. O venres, 16 de decembro, unha segura ruta con tapas de marisco. E a terceira ruta o 7 de xaneiro.

Haberá concurso de escaparates, en colaboración co Centro Comercial Aberto, e a tradicional Cabalgata de Reis que nesta edición contará coa novidade de incluir música en directo nas carrozas.

Para ver o calendario detallado da programación prema no arquivo adxunto: