Nace unha nova agrupación teatral: "Dar Trela" promove un espazo escénico singular no Carballiño

4, Setembro 2018

“Dar Trela” é o nome do novo grupo de teatro que xurde no Carballiño para dar resposta a unha nova proposta cultural no Carballiño, na provincia e Galicia.

O grupo presentouse nun acto ao que asistiron sete dos doce integrantes, e que conforman a xunta directiva. Son José Ángel Otero, presidente; Chicho Carballido, Rita Freigenedo, Rubén Martínez, Clara Vázquez, Xabier Novoa e Darío Anxo Rodríguez. Trátase de actores e actrices con gran experiencia teatral na maioría dos casos.

O nome do grupo, “Dar Trela”, ten diversos significados, según explicou Chicho Carballido. “Significa dar conversación, dar ánimo, deixar expresar libremente, dar que falar e namorar, por iso o que queremos é dar conversación, dar ánimo, deixar expresarnos libremente, dar que falar e namorar”.

O grupo xurde como unha asociación cultural sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar a cultura galega e a expresión teatral, según dixo Darío Rodríguez.

Así mesmo, contempla diversos proxectos a curto, medio e longo prazo, que foron expostos na rolda de prensa polos integrantes da directiva.

Entre estes proxectos inmediatos está o de levar a cabo a dramatización da vida de Pepa Loba este próximo sábado, e escenificar o pregón das festas patronais o venres 14 de setembro. En ambas actividades, sobre todo na Feira-Festa da Pepa Loba, anúncianse moitas novedades con respecto a pasadas edicións, e no tocante ao pregón das festas anticipan un bo espectáculo de maxia e humor baseado en personaxes reais e ficticios do Carballiño.

Entre os proxectos a medio prazo figura a creación dun novo espazo escénico único en Galicia como é unha casa situada preto da ponte de Toscaña, e que, co nome de Casa Roxelia, realizará microteatro para un número limitado de persoas, pois as escenificacións terán lugar en diversas salas da casa, e os espectadores deberán moverse polos diversos lugares. Esta orixinal iniciativa contará ademáis coa colaboración de recoñecidos directores e actores galegos.
Trátase dunha idea única en Galicia, que só existe nalgunhas das grandes capitais, e está previsto poñela en marcha durante a próxima primavera, según dixeron Rita Fregenedo e Clara Vázquez.

Finalmente, traballan nun proxecto de espectáculo teatral a estrear na primavera de 2019.