Natural de Santrós-Cea e toda unha vida dedicada á medicina: a cardióloga Marisa Crespo Leiro recibe o premio "Agora do Orcellón" do Instituto de Estudios Carballiñeses.

12, Marzo 2022

O Instituto de Estudios Carballiñeses fixo entrega do Premio "Agora do Orcellón" na súa quinta edición á cardióloga Marisa Crespo Leiro (Santrós-San Cristovo de Cea, 1961), recoñecendo os seus méritos profesionais e humanos por toda unha vida dedicada á medicina.

Ao acto de entrega do premio, celebrado no salón de actos do IES nº1 do Carballiño, asistíu un numeroso público invitado polo director do Instituto de Estudos Carballineses, Avelino Muleiro, entre os que estaban o delegado territorial da Xunta Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente do Parlamento Gallego, Miguel Ángel Santalices; o Secretario Xeral de POlítica Lingüistica Valentín García e, por suposto, a premiada, Marisa Crespo, que estivo arroupada por varios amigos e compañeiros de profesión. Marisa Crespo Leiro é doutora en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid e especialista en cardioloxía polo Hospital Porta de Hierro de Madrid.

Na actualidade é responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco no Complexo Hospitalaria Universitario da Coruña, o cal compaxina coa docencia na Universidade da Coruña e coa súa participación no Centro de Investigación Biomédica na Rede Cardiovascular e no Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.

A doutora ceense tamén é membro honorario internacional da Heart Failure Society of America ( HFSA) e membro do grupo de traballo Building Research Initiative Group: Chronic Illnes Management and Adherence in Transplantation ( BRIGHT). A súa calidade humana, a súa entrega e dedicación a cada paciente e o seu compromiso coa Sanidade publica fixérona tamén merecedora deste premio. Unhas calidades xa recoñecidas con anterioridade coa medalla de ouro e brillantes do Colexio Médico da Coruña, coa medalla Castelao concedida polo Goberno galego ou co nomeamento como filla predilecta do Concello de San Cristovo de Cea.