Nogueira garante o servizo de Policia Local as 24 horas e lamenta "o uso partidista do Partido Popular cos auxiliares"

8, Novembro 2016

O concelleiro da área municipal de Seguridade, Adolfo Nogueira, garantiu o cumprimento das quendas da Policía Local para cubrir o servizo que teñen encomendado e rexeitou "o uso partidista polo grupo municipal do PP que está a facer dos auxiliares da Policía" que remataron os seus contratos de tempada no mes de outubro.

Nogueira precisou que prorrogar dous meses máis os seus contratos non era viable, xa que precisábase realizar un novo proceso selectivo que levaría facelo un mes, cando menos, e que polo tanto só permitiría incorporar aos auxiliares dúas ou tres semanas como moito ata o 31 de decembro.

Se ben o pasado ano a Xunta aprobou as bases do proceso nas que se contemplaba esta prórroga (catro meses máis dous de prórroga, ata seis meses en total), este ano cambiou de parecer e suprimiu este capítulo, polo que dende a Secretaría do concello obrígase a realizar un novo proceso selectivo, sen outra alternativa. En todo caso, o concelleiro asegurou que estes auxiliares, se ben desempeñaban o seu labor de apoio, non resolvían o problema das quendas do servizo, xa que non están autorizados para sancionar nin realizar outras funcións que só poden facer os axentes de policía.

E, de feito, o resto do ano cúbrense as quendas sen estes auxiliares. Estas aclaracións foron realizadas por Adolfo Nogueira a raíz dun comunicado do Partido Popular que poñía en entredito a política de seguridade do concello e que o concelleiro cualificou de "gratuito, ridículo e cheo de mentiras", e que rexeitou na súa totalidade.

Así, dixo que era o cuarto comunicado do PP referido aos auxiliares de Policía Local e deixou caer a dúbida de si non o facía por un compromiso de partido con algún ou algúns destes auxiliares.

Nogueira dixo que era falso que se solicitara autorización para pedir a prórroga a raíz de que o grupo do PP levara o tema ao pleno municipal do 29 de outubro, como se di no comunicado, cando precisamente esta autorización recibiuse o día anterior. Nogueira apelou á condición de exalcalde do portavoz do grupo municipal do Partido Popular, para recordar "a situación na que deixou á Policía Local, con só 12 axentes para patrullar as rúas".

Precisamente, por iso, dixo que se estaba a traballar para incluir máis prazas na nova Relación de Postos de Traballo que se estaba elaborando, e que nesta RPT tamén se contemplan labores de administración vencelladas coa policía aos axentes que están en segunda actividade, e que o anterior alcalde asignou a postos non relacionados con este servizo. Finalmente, o concelleiro agradeceu a colaboración dos axentes de policía para realizar cambios nas vacacións co obxectivo de cubrir as quendas durante estes meses e garantir as necesidades do servizo.

“O nivel de seguridade cidadá no Carballiño é moi bo, incluso superior a outras poboacións semellantes, e iso debémosllo á Policía Local e tamén á Garda Civil, e considero unha falta de vergoña insistir no contrario, que é o que se infire destes comunicados do principal partido da oposición, danto a entender que O Carballiño está desprotexido, cando non é así”, dixo o responsable da área municipal de Seguridade.