"Novo desastre do goberno local: O Carballiño quédase sen obradoiro nin plan integrado de emprego", denuncian dende Espazo Común.

29, Novembro 2020

Espazo Común asevera que "coas cifras de paro en vertixinoso aumento e a tremenda crise que padece o pobo, faise gravísima a perda destas dúas iniciativas por valor duns 600.000 € para o apoio aos desempregados".

O Carballiño non contará para o curso 2020/2021 nin con Obradoiro nin con Plan Integrado de Emprego, asi o avanzou o alcalde Francisco Fumega no pleno da corporación municipal celebrado a pasada semana, contestanto a preguntas do concelleiro de ESCO, Adolfo Nogueira.

Dende esta formación politica manifestan que "no contexto da peor crise económica que se lembra e cos datos do paro en alarmante ascenso, que o noso Concello perda arredor de 600.000 € en fondos para a promoción do emprego e a formación dos cidadáns para facilitar a súa inserción no mercado laboral é dunha gravidade incalculable".

Asemade, recordan que "será o segundo ano consecutivo sen obradoiro despois de que o ano pasado, a pesares dos burdos intentos de Fumega de enganar aos cidadáns, quedou demostrado sen atisbo de dúbida que se perdeu pola nefasta xestión da solicitude remitida á Xunta, ignorando sinxelos requerimentos e deixando pasar prazos. Será, tristemente, tamén o primeiro ano sen PIE (Plan Integrado de Emprego) ou Carbaemprega como se denomina no Carballiño dende 2016 en que se fixo por primeira vez, continuando con gran éxito nos anos 2017, 2018 e 2019 e polos que pasaron uns 450 alumnos, moitos deles acadando traballos grazas á súa participación nesta iniciativa".

Tras pedir tamén responsabilidades directas ao concelleiro de industria e promoción económica, José Manuel Dacal, Espazo Común anuncia que van demandar "o acceso urxente a tódolos expedientes destas solicitudes para tentar determinar as causas desta circunstancia catastrófica para O Carballiño".