O 1º Festival "Outros países, outras músicas" este sábado no auditorio carballiñés

23, Novembro 2016

Un novo certame de canto coral pasará a incrementar a oferta cultural do Carballiño.

Trátase do I Festival “Outros países, outras músicas”, que organiza o Coro de Cámara Música Viva, en colaboración co concello do Carballiño. O evento, que se celebrará este sábado, 26 de novembro, ás 19,30 h., con entrada gratuita, foi presentado hoxe polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente do Coro de Cámara Música Viva, Antonio Rey.

O Festival reunirá á Coral Polifónica de Berres (A Estrada), a Coral Polifónica Santa Susana (Santiago) e ao Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño. Antonio Rey resaltou como elemento diferencial dos demáis festivais de corais, o feito de que a maioría das cancións que se van a interpretar non forma parte habitual do repertorio destas entidades musicais.

Así, ofreceranse cancións e versións adaptadas de temas de moitos países, entre eles, Arxentina, México, Portugal, Reino Unido, EEUU, Venezuela e Canadá, entre outros, ademáis de temas en eusquera e galego. Esta é a principal novidade deste festival, no que se quere ofrecer algo completamente diferente, según dixo o responsable do Coro Música Viva. E por iso realizou unha invitación a todo o público para que acuda este sábado ao auditorio.

No mesmo sentido pronunciouse o concelleiro de Cultura, que agradeceu o traballo do Coro Música de Cámara a prol da cultura no Carballiño e o enriquecemento da programación cun festival tan novidoso dentro dos cánones da música coral.

Na foto: Diego Fernández, concelleiro de cultura, e Antonio Rey, presidente do Coro de Cámara Música Viva.