O alcalde do Irixo traslada á conselleira de Medio Rural a solicitude de reestruturación parcelaria na parroquia de Cusanca

3, Outubro 2016

O alcalde do Irixo, Manuel Penedo, trasladou esta mañá á conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, a solicitude formal para iniciar o procedemento de reestruturación parcelaria da parroquia de San Cosme de Cusanca. Esta petición acompañouna o rexedor municipal coas sinaturas de preto de 200 veciños interesados, así como co acordo adoptado neste mesmo sentido pola Xunta de Goberno local deste concello ourensán.

A titular de Medio Rural comprometeuse a estudar a proposta e a darlle curso de acordo co establecido na Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). En total, a devandita parroquia de Cusanca esténdese por unhas 1.500 hectáreas de superficie, na que predomina o monte e –malia que hai cultivos– existe un considerable grao de abandono.

Así, preténdese apostar por este proceso de reorganización co fin facilitar o aproveitamento dos terreos, ben para aumentar a base territorial de explotacións gandeiras e aumentar as extensións de cultivos ou para ordenar a superficie forestal no monte. En calquera caso, melloraranse os accesos e facilitaranse os desprazamentos, co que, en xeral, vaise revalorizar esta zona.

A partir de agora, Medio Rural avaliará a proposta e, se cumpre cos obxectivos establecidos, porá en marcha o proceso, empezando por realizar os preceptivos estudos do terreo (delimitación do perímetro de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable), cartográficos, de análise das explotacións agrarias, avaliación ambiental, prospección arqueolóxica, etc.