O alcalde José Manuel Iglesias anuncia proxectos de humanización na Rúa Vella de Maside e na Praza da Igrexa de Dacón

26, Marzo 2019

O alcalde de Maside avanzou nesta emisora de radio algunhos dos proxectos nos que traballa o concello de Maside en materia de mellora e acondicionamento de espazos públicos senlleiros nas vilas de Maside e Dacón.

Na capitalidade municipal, José Manuel Iglesias deu conta da petición dunha subvención presentada polo concello masidao ante a Xunta, e da que agarda se concrete en breve, para "a humanización da rúa Vella de Maside, dotandoa de pavimentación máis dacorde co entorno, e tamén unha nova iluminación que visualice o encanto e beleza que ten este lugar da vila".

Outra actuación que tamén contempla este mesmo proxecto de mellora de espazos públicos singulares será o que se acometerá na Praza que da acceso á igrexa parroquial de Santa María de Dacón, onde tamén se pretende conseguir un lugar máis armónico con este entorno no centro do pobo de Dacón.

E finalmente, o rexedor municipal tamén ten previsto a elaboración dunha obra de adecuación e mellora urbanística na rúa principal do pobo da Touza, na parroquia de San Miguel de Armeses.