O Arenteiro gana en Maside un partido que dominou claramente e que se lle complicou ao final

11, Decembro 2011

Dous fallos defensivos do Arenteiro a punto estiveron de causar un grave disgusto aos carballiñeses nun partido que dominaron de principio a fin,  pero que o Maside  empataba no tramo final logrando a igualada a dous goles. Na úlltima xogada do partido Iglesias facía o terceiro e definitivo gol para os carballiñeses, que conseguían asi os 3 puntos Ainda cos equipos asentandose no terreo de xogo, unha xogada pola banda esquerda do ataque carballinés protagonizada por Marcos Sotelo acaba en centro sobre a área pequena e alí, moi antento,  Iglesias cabecea ao fondo da portería masidá. O gol servíu aos carballiñeses para asentarse mellor no partido, mentres que o Maside ofrecía moitas dúbidas, tan só un balón en parábola sobre a portería de Pachy, que éste resolveu ben, e pouco máis neste primeiro periodo.

Nada máis comezar a segunda parte, o Arenteiro amplia a súa ventaxa no marcador nun saque de esquina no que o balón chega a Alén e remata de forma maxistral o segundo gol carballiñés. O partido ponse cómodo para o Arenteiro, que sigue xogando máis e mellor que os masidaos, incluso dispón de algunha ocasión para sentenciar o encontro, e atá lle é anulado un gol a Iglesias por posible fora de xogo. Non obstante, a un cuarto para o final o partido complícase de forma incomprensible para o equipo de Dacosta. Primeiro, o veterano Paco,  totalmente libre de marcaxe, pon a emoción no marcador có 1-2. O Maside vese espoleado polo gol e vaise arriba, aínda que sen conseguir levar perigo sobre a portería carballiñesa, atá que ao borde do final unha falta de entendemento entre Pachy e a defensa propicia o autogol de Carlos Escudero, o Maside empataba asi un partido a dous goles, tirando unha sóa vez á portería. Increíble, pero certo.

Cando xa non parecía que houbese tempo para moito máis, chegaría novamente Iglesias, hoxe o mellor do Arenteiro, para levarse un balón desde o borde da área e en plena internada cruza o balón inalcanzable para o meta masidao. Un gol que facía xustiza porque os carballiñeses foron hoxe superiores aos locais. En resumen, os aproximadamente 350 afeccionados que se achegaron atá o Outeiro Grande, tiveron ao final a recompensa da emoción do final dun partido que, como se adoita decir nos encontros de rivalidade, tivo máis emoción que fútbol.