O Bispado presenta un interdicto polas obras no entorno da Veracruz

2, Decembro 2010

Dous veciños do Carballiño, que actúan cun poder outorgado polo Bispado, veñen de presentar un interdicto no xulgado, no que se piden diversas modificacións no proxecto de urbanización do entorno da Veracruz, na parte que é propiedade da Igrexa, e para que desta maneira se teñan en consideración as medidas correctoras da obra que se veñen demandando tanto por parte da comisión en defensa do entorno da Veracruz como de colectivos culturais e de defensa do patrimonio, asi como asociacións e veciños, que manteñen unha opinión moi critica con este proxecto que desenvolve a Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. No interdicto tamén se manifesta que, no caso de que non sexan aceptadas as modificacións que se piden, non se autorizará de ningunha maneira a continuidade das obras nos aproximadamente 1.700 metros cadrados que se corrresponden coa superficie dos terreos que son propiedade da Igrexa. Os responsables da parroquia carballiñesa veñen manifestando desde fai meses o seu malestar polo procedemento no que se acometeu a execución deste proxecto, que incluso tería posto en perigo ó templo, xa que as obras terían afectado á cimentación da Veracruz, según puxeron de manifesto informes técnicos encargados pola propia parroquia, e  despois de detectarse a aparición de fendas nalgunas partes do monumento de Palacios.