O BNG de Maside esixe transparencia e responsabilidade ao Concello "ante a falta de información sobre a potabilidade da auga"

22, Maio 2025

Dende o BNG de Maside expresan publicamente "a fonda preocupación pola falta de información clara e actualizada por parte do goberno municipal respecto á calidade da auga da traída e pola súa nefasta xestión da situación". O pasado 2 de maio de 2025 -recordan- o Concello de Maside fixo público un bando no que se advertía da presenza de parámetros non aptos na auga da billa, recomendando non consumila para uso alimentario.

Porén, manifestan, o contido do bando era vago e insuficiente, sen explicacións detalladas nin información sobre as causas nin as medidas adoptadas para protexer a saúde da veciñanza. Segundo consta na páxina oficial do Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC), a última analítica publicada, datada no 7 de febreiro de 2025, xa indicaba que a auga non era apta para o consumo humano, subliñan.

Engaden que "A veciñanza descoñece se daquela se produciu unha situación similar á actual, e non foi informada en ningún momento sobre esa circunstancia, polo que esiximos explicacións inmediatas". Ademais, a día de hoxe, non se emitiu ningún novo bando que informe da resolución do problema, nin se publicou ningunha nova analítica que acredite que a auga volve ser apta para o consumo,remarcan.

Pregúntanse desde o BNG, cal é o estado real da auga da traída neste momento,por qué non se informou á veciñanza da situación detectada xa en febreiro, e por qué non se está a garantir un subministro alternativo de auga potable mentres persiste o problema.

Recordan que desde o 2 de maio, día en que se publicou o bando municipal recomendando non consumir a auga, o Concello ten a obriga legal e moral de garantir que toda a veciñanza teña acceso a auga apta para o consumo, xa sexa mediante cistermas móbiles ou reparto de auga en garrafas. A día de hoxe non temos constancia de que se estea a facer nada diso, e a cidadanía segue sen respostas nin solucións claras.

Finalmente, manifestan que O BNG de Maside esixe a publicación inmediata dunha nova analítica oficial, a actualización da información no SINAC e a explicación pública das medidas adoptadas.