O BNG pide ao concello un plan integral de mellora e conservación do parque municipal do Carballiño

13, Novembro 2014

Dende o BNG carballiñés aclaran que "a proposta non é nin oportunista nin electoralista, aínda que se presente dias despois de informes realizados por funcionarios municipais que recollen a situación preocupante na que se encontra o parque municipal, co risco existente mesmo para a integridade física das persoas polas caidas de polas de árbores e desprendemento de terra".

Entenden que o parque podería ser un importante recurso para a xeración de emprego, ademais do que representa para O Carballiño pola súa importancia por razóns "tanto económicas, ecolóxicas e sociais".

Ante o constante deterioro que sufre "dia a dia" esta área natural, o Bloque Nacionalista Galego presentou por medio do seu responsable local Marco Antonio Reboredo, as propostas que os nacionalistas van incorporar ao seu programa electoral, e que consisten na elaboración dun inventario da Flora, A Fauna, Xeoloxía, Topografía e Infraestructuras dotacionais, asi como un PLAN INTEGRAL "onde teñan especial protagonismo as diferentes asociacións do Carballiño, e implicar ás Universidades.

Tamén propoñen a declaración do parque como "Espazo Natural de Interese Local" por parte da Xunta de Galicia, o que facilitaría a achega de subvecións para realizar investimentos, e a creación dun PADROADO para facer un seguimento e control de todas as actuacións que se executen neste espazo natural.