O Cabildo de Lanzarote convida a O Carballiño a participar no salón gastronómico "Saborea España". O carballiñés Ángel Vázquez é o vicepresidente da institución canaria.

29, Abril 2018

O Cabildo de Lanzarote quere que O Carballiño estea representado no evento gastronómico SABOREA ESPAÑA, que organiza esta entidade no mes de novembro dende hai varios anos cunha gran participación de púbico e profesionais.

Así llo expresou ao alcalde o vicepresidente do cabildo, Ángel Vázquez Álvarez, que é natural do Carballiño pero que reside na illa canaria de Lanzarote dende hai trinta anos.

Ángel Vázquez atópase estes días de visita na vila e mantivo unha reunión co alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, para plantexar esta proposta, que supón promocionar a oferta gastronómica e o turismo do Carballiño e a comarca no salón Saborea España, que se celebrará o 24 e 25 de novembro coa intervención de recoñecidos chefs e profesionais da gastronomía nacional. Así mesmo, comprometeuse a asistir á próxima Festa do Pulpo cunha delegación do Cabildo de Lanzarote.

Tanto o alcalde como o concelleiro amosáronse agradecidos pola visita e o convite, e expuxeron o desexo de estudar a proposta, e incluso de trasladala á mancomunidade turística Carballiño-Ribeiro, para realizar unha promoción conxunta cos productos máis xenuinos da nosa gastronomía: pulpo á feira, pan de Cea e viño do Ribeiro.

Lanzarote recibe cada ano uns 3.000.000 millóns de turistas, e o evento Saborea España suscita o interese e asistencia de arredor de 200.000 persoas.