O carballiñés Gallego Jorreto repite como Premio Nacional de Arquitectura, galardón que xa obtivera en 1997

20, Febreiro 2019

O Ministerio de Fomento ven de conceder o Premio Nacional de Arquitectura 2018 a Manuel Gallego Jorreto, nacido no Carballiño no ano 1936, autor de varios edificios considerados entre os máis emblemáticos dos contruidos en Galicia.

O xurado recoñece con este galardón os máis de 50 anos de traxectoria profesional deste arquitecto carballiñés, e según se recolle na acta do premio pola "arquitectura comprometida coa súa Galicia natal, caracterizada por un diálogo honesto entre os materiais tradicionais, os oficios e a modernidad".

Tamén salientan "unha actitude sincera, respectuosa pero á vez valente, que puxo a contorna, a paisaxe e o interese xeral por diante de calquera selo persoal".

O Premio Nacional de Arquitectura ten unha dotación económica de 60.000 euros.

Dase ademáis o feito de que Gallego Jorreto xa obtivera en 1997 o Premio Nacional de Arquitectura, aínda que daquéla e ata o ano 2000, se outorgaba o premio por unha obra, daquéla fora polo Museo de Belas Artes da Coruña.

No Carballiño é o autor do proxecto de rehabilitación da antiga fábrica do papel para acoller o Museo do Papel, que promove o concello carballiñés.

Tamén é da súa autoría o proxecto -aínda pendiente de execución- para a modernización do balneario do Carballiño.

Na foto, co alcalde do Carballiño Francisco Fumega, visitando a obra da antiga fábrica de papel da Lavandeira.